Javier Losada chama ao uso do cinturón, ao respecto dos límites de velocidade e á máxima atención na estrada nesta operación retorno

Javier Losada chama ao uso do cinturón, ao respecto dos límites de velocidade e á máxima atención na estrada nesta operación retorno

28/08/2020

A operación de tráfico Retorno do Verán 2020 comeza ás 15 horas de hoxe e continúa ata as 23.59 horas do próximo luns, 31 de agosto

Galicia suma ata hoxe 37 vítimas mortais nas estradas, 25 menos que o ano pasado nesta data

As distraccións motivadas polo uso da tecnoloxía son un dos grandes inimigos actuais da circulación


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, chamou hoxe ao uso do cinturón, ao respecto dos límites de velocidade e á máxima atención na estrada nesta operación retorno. Tamén incidiu na importancia do “consumo cero” sempre que se circule.

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) comeza ás 15 horas de hoxe a operación de tráfico Retorno do Verán 2020. Este dispositivo continúa ata as 23.59 horas do próximo luns, 31 de agosto. Está previsto que o Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste empregue 245 cámaras de televisión, 306 estacións de toma de datos, 84 sensores de variables atmosféricas na estrada, 413 paneis de mensaxe variable e 50 persoas. A estas únense o preto de mil axentes do Sector de Tráfico da Garda Civil.

Aínda que as circunstancias derivadas da pandemia da COVID-19 mostran un descenso de ata un 15% nos desprazamentos na última fin de semana e, por iso, no están previstas grandes complicacións, a DGT extremará as precaucións e a vixilancia.

Javier Losada asegura que as cautelas deben comezar polos usuarios, co uso do cinturón de seguridade sempre e de todos os ocupantes dos vehículos. O mesmo sucede cos cascos para os usuarios de motocicletas. A partir de ahí, é fundamental respectar os límites de velocidade, que non son arbitrarios en ningún caso.

A atención á estrada é tamén moi importante. Precisamente as distraccións motivadas polo uso da tecnoloxía son un dos grandes inimigos actuais da circulación, como causa de numerosos accidentes fatais. A última mensaxe do delegado do Goberno está centrada no “consumo cero” de alcohol e drogas, en especial tras un ano no que 48.000 persoas foron condenadas en España por conducir baixo o efecto destas substancias.

Galicia suma ata hoxe 37 vítimas mortais nas estradas, 25 menos que a estas alturas do ano pasado (62). Por provincias, son 13 na Coruña (-16), 6 en Lugo (-4), 5 en Ourense (-1) e 13 en Pontevedra (-4). Este notable descenso está motivado polo descenso da circulación durante o periodo de estado de alarma pola COVID-19.