Javier Losada lamenta as 16 vítimas mortais das estradas galegas este verán, das que a metade corresponden a persoas usuarias vulnerables

Javier Losada lamenta as 16 vítimas mortais das estradas galegas este verán, das que a metade corresponden a persoas usuarias vulnerables

04/09/2020

O 87,5% das vítimas mortais deste verán perderon a vida en estradas convencionais

Cinco das persoas falecidas entre xullo e agosto eran motoristas e tres, peóns

O delegado do Goberno volve a chamar a extremar as precaucións nas estradas, con “consumo cero” e evitando as distraccións

As dúas franxas con máis vítimas foron as de 15-24 anos e máis de 65, con cinco en cada caso


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, lamentou hoxe as 16 vítimas mortais das estradas galegas este verán, das que a metade corresponden a persoas usuarias vulnerables. O balance de xullo e agosto mostra unha persoa falecida menos que no verán anterior.

Por provincias, A Coruña tivo cinco persoas falecidas (-4), Lugo quedou con unha (-2), Ourense con dúas, como o ano anterior, e Pontevedra acumulou oito (+5). Entre as 16 vítimas deste verán, o 87,5% perderon a vida en estradas convencionais, fronte ao resto, dúas persoas, con accidentes en autopistas ou autovías.

Javier Losada relatou que as vítimas foron 12 persoas condutoras, unha pasaxeira e tres viandantes. En turismos perderon a vida oito persoas, mentres que as outras oito pertencen a colectivos vulnerables, con cinco motoristas e tres peóns. Cun peso dun 50%, o delegado do Goberno advertiu sobre a importancia de protexer aos colectivos vulnerables.

Por franxas de idade, as máis afectadas foron as de 15-24 anos e máis de 65, con cinco en cada caso. Houbo tres vítimas de entre 35 e 44 e unha en cada unha das franxas 25-34, 45-54 e 55-64, sen ningunha menor de 14 anos.

No mes de xullo, con 13 persoas falecidas, o aumento foi de 7 persoas. En agosto, foron 3 vítimas, 8 menos que no mesmo mes de 2019. O balance global é de unha vítima menos e amosa o segundo mellor verán da serie, superado polo de 2010 con 10 falecidos.

O delegado do Goberno volveu a chamar a extremar as precaucións nas estradas, con “consumo cero” e evitando as distraccións. O maior inimigo ao volante é, precisamente, o uso do teléfono móvil, polo que Javier Losada reclama a máxima prudencia nese senso.