A Subdelegación en Ourense informa do despregamento de 226 medios do Goberno para colaborar na extinción dos incendios forestais

A Subdelegación en Ourense informa do despregamento de 226 medios do Goberno para colaborar na extinción dos incendios forestais

14/09/2020

A Delegación do Goberno en Galicia cursou esta mañá a petición da Xunta de Galicia para proceder á activación da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que se incorpora con efecto inmediato ao incendio de Vilardevós

O Ministerio para a Transición Ecolóxica desprega durante a xornada do hoxe, como xa fixera onte, medios aéreos e terrestres para apoiar os labores de extinción dos focos declarados en diferentes puntos


O subdelegado en Ourense, Emilio González Afonso, informou hoxe do despregamento de 226 medios do Goberno para colaborar na extinción dos incendios forestais que asolan a provincia. Explicouno aos medios de comunicación no Posto de Mando Avanzado de Cualedro, onde acudiu para supervisar as tarefas de extinción.

O subdelegado detallou que a Delegación do Goberno en Galicia vén de autorizar esta mañá o despregamento da Unidade Militar de Emerxencia (UME) no incendio forestal que afecta á parroquia de Vilar de Cervos, no Concello de Vilardevós. A Xunta decretou a alerta 2 para este lume, que se iniciou na pasada noite. Con ela chega a incorporación inmediata de 154 persoas e 60 vehículos, que inclúen autobombas, nodrizas, apoio loxístico, ambulancia, policía militar e mantemento.

O subdelegado do Goberno anunciou a próxima convocatoria das forzas e corpos de seguridade do Estado da provincia “para facer unha análise da situación” e reclamou a máxima “colaboración cidadá” fronte ao lume. Ademáis, detallou que está en contacto directo cos alcaldes e alcaldesas da zona para atender as súas demandas, ao tempo que mantén contacto permanente coa Xunta para continuar coa colaboración na extinción dos incendios.

A Unidade Militar de Emerxencias (UME) mobilizou onte na provincia de Ourense a 121 efectivos (41 en Lobios, 42 en Cualedro e 38 en Rairiz de Veiga) e 42 camións (14 en cada punto). Destos lumes o de Rairiz de Veiga xa desactivou a alerta 2.

MEDIOS AÉREOS E TERRESTRES DESPREGADOS POLO MITECO

Á mobilización da Unidade Militar de Emerxencias hai que sumar os medios despregados ao longo da xornada de onte polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para apoiar nas tarefas de extinción dos incendios forestais que afectan á provincia de Ourense.

Ao longo da xornada o MITECO desprazou ata os lumes da provincia catro brigadas  Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF); sete avións anfibios; un helicóptero bombardeiro Kamov e un avión de coordinación e observación (ACO), utilizado en tarefas de vixilancia, transmisión de imaxes e observación do incendio, que viaxou dende o aeroporto de León. Só os avións do Exército procedentes de Lavacolla efectuaron 131 descargas nos incendios da provincia.

subdelegado (MP3 · 2.8 MB)