A subdelegada do Goberno visita a nova sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Vigo

A subdelegada do Goberno visita a nova sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Vigo

06/11/2020

Maica Larriba quixo poñer en valor a recuperación das cotizacións na provincia durante o verán, que evidencian un “notable dinamismo no mercado laboral e unha salientable capacidade de creación de emprego”.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe a nova sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Vigo, xunto ao alcalde da cidade, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Na visita tamén estiveron presentes o director da Tesourería Xeral da Seguridade Social na provincia, Juan Herrera, e o director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social, Fernando Álvarez-Blázquez.

Durante a súa visita, a subdelegada do Goberno quixo destacar o notable incremento rexistrado na recadación da Tesourería da Seguridade Social na provincia durante os meses de verán, que evidenciou “unha salientable recuperación da actividade económica. O mercado laboral continúa tendo un notable dinamismo e unha importante capacidade de creación de emprego”.

Durante o mes de agosto de 2020 a Tesourería recadou na provincia case a mesma cantidade -180.717.310 euros- que en agosto de 2019 -184.440.000 euros-. E o mesmo sucede co rexistro de empresas pontevedresas dadas de alta na Seguridade Social. Se en setembro de 2019 contabilizábanse 41.921 empresas cotizando, en setembro deste ano a cifra aumentaba ata 44.080, o que supón un crecemento interanual de 5,1  puntos.

Tamén a afiliación á Seguridade Social dos traballadores da provincia mantense nunha senda crecente, aínda que a menor ritmo. A recuperación da cotización de traballadores vai máis lenta pero acada cifras moi similares. Deste xeito, mentres en setembro do ano pasado os diferentes réximes da Seguridade Social tiñan 357.590 traballadores dados de alta, no mesmo mes deste ano o número era parecido, con  353.145 profesionais en activo. Unha cifra que supón unha caída interanual de apenas un 1,24 por cento.

Non obstante os bos datos acadados durante o período estival, a subdelegada mantense cauta, xa que “nos atopamos nun momento de máxima incerteza, e se ben os meses de verán foron bos, realizar previsións é difícil e arriscado”.  

Máis de douscentos mil pensionistas

A actividade da Seguridade Social na provincia vese complementada co pago de pensións e outras prestacións sociais. A nómina mensual das prestacións contributivas da Seguridade Social en Pontevedra ascendeu a 193.928.607 euros no mes de setembro. En total, 217.508 pontevedreses reciben unha pensión –por xubilación, incapacidade permanente, viuvidade, orfandade ou favor familiar-, dun importe medio mensual de 903,46 €.

Do mesmo xeito, e tan só catro meses despois da súa posta en marcha, 5.461 pontevedreses reciben xa o Ingreso Mínimo Vital. “Aínda que esta é unha prestación complexa e recente, desde o Goberno e Administración Xeral do Estado estase traballando para axilizar ao máximo o seu procedemento”, afirmou a subdelegada. Larriba quixo tamén subliñar a relevancia de todas estas prestacións, que “no momento actual son máis importantes que nunca. A prioridade do Goberno é impulsar o crecemento económico e a creación de emprego, pero garantindo que ninguén queda atrás”.

Nova sede e integración de servizos

O edificio da nova sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social, situado no número 72 da avenida viguesa de García Barbón, integra os servizos da antiga Dirección Provincial, de dúas Unidades de Recadación Executiva, da Intervención Delegada Territorial – cuxo persoal estaba ata agora repartido en diferentes oficinas-, do Servizo de Prevención Mancomunado, do Servizo Xurídico e dun Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS), ademais doutros servizos administrativos.

En total, 210 empregados públicos traballarán nestas novas oficinas, cuxos servizos o ano pasado atenderon a máis de setenta e cinco mil usuarios. Poderán acudir a nova sede, amais dos cidadáns de Vigo, os veciños das localidades de Redondela, Pazos de Borbén, Cangas, Moaña,Vilaboa e Bueu, entre outras.

O custo total dos traballos realizados no edificio, que xa está en funcionamento e dispón dunha superficie de 13.000 metros cadrados, ascendeu a 24.843.985,48 de euros.