Salceda de Caselas rexistra unha baixada de case o 30% nas infraccións penais durante os primeiros nove meses do ano

Salceda de Caselas rexistra unha baixada de case o 30% nas infraccións penais durante os primeiros nove meses do ano

10/11/2020

A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de Salceda de Caselas, xunto a súa alcaldesa, Loli Castiñeira, que celebrouse de maneira telemática.

A subdelegada de  Goberno, Maica   Larriba, presidiu hoxe xunto a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, a Xunta Local de Seguridade, que tivo lugar mediante videoconferencia. Na reunión estiveron presentes o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, Antonio Pérez, os responsables do destacamento da Garda Civil de O Porriño, as concelleiras Verónica Tourón, Lucía Pereira e Ángela Ledo e representantes da Policía Local. Durante o encontro, os asistentes analizaron as cifras de infraccións penais da localidade aportadas pola Garda Civil, así como as diferentes medidas protección cidadá vixentes.

“Hai un ano, e a través deste órgano, o Concello de Salceda de Caselas solicitaba unha maior colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Froito da intensa labor realizada, hoxe podemos anunciar un descenso de case o 30 % nas infraccións penais rexistradas na localidade, se temos en conta os datos dos primeiros nove meses deste ano e os comparamos cos do ano 2019”, anunciou a subdelegada do Goberno. Atendendo a súa tipoloxía, os delitos que rexistran unha maior caída interanual son os roubos en vivendas, que descenderon un 24 % de xaneiro a setembro do 2020 en comparación co mesmo período do anterior, e os delitos contra as persoas, que nos primeiros nove meses de 2020 caeron un 75 %. Neste sentido, a subdelegada destacou que as cifras analizadas permiten afirmar que “Salcedas de Caselas é un Concello seguro”.

Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu “o bo traballo desenvolvido polas forzas e corpos de seguridade, que se evidencia nas cifras observadas e que converte ao Concello de Salceda nun lugar máis seguro para toda a veciñanza”.

Novo protocolo para o seguimento integral das vítimas de violencia de xénero

Durante o encontro, a Garda Civil e a Policía Local acordaron tamén a proposta do novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de  violencia de xénero VioXén. Todos aqueles concellos que desexen permanecer dentro deste sistema teñen que renovar este convenio, que recolle un novo reparto de funcións e asignacións de vítimas e adecúase ás referencias normativas actuais.

Neste sentido, Maica Larriba anunciou que “proximamente procederase a firma do novo protocolo” e mostrouse moi contenta de que “o Concello de Salceda se converta no primeiro Concello da provincia en renovar o protocolo do Sistema Vioxén”. A subdelegada lembrou a importancia de renovar estes acordos para que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”. “Novas coma a de onte, onde de novo unha muller en Lloret de Mar –e xa van 38 no que vai de ano- era asasinada pola súa parella, lémbrannos a importancia de non escatimar esforzos para loitar contra a lacra social da violencia machista”, subliñou Larriba.

O sistema VioXén

O Sistema VioXén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o  seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos.