Emilio González destaca a necesidade do compromiso das institucións e da sociedade ourensás para rematar coa lacra da violencia de xénero

Despregue pancarta 25N

16/11/2020

O subdelegado do Goberno e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller participaron na colocación dunha pancarta conmemorativa do 25N na fachada da Subdelegación

Na provincia de Ourense hai 368 casos activos no sistema VioGén de protección ás vítimas

Emilio González sinala que a loita contra a violencia de xénero é unha das políticas prioritarias do Goberno de España, á que destinou 167.775 euros no ano 2019 nos concellos da provincia para programas contra a violencia de xénero


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou na mañá de hoxe a necesidade do compromiso da sociedade e de todas as institucións ourensás para lograr erradicar a violencia de xénero, unha lacra que segue estando moi presente, tal e como evidencian os 368 casos activos rexistrados na provincia de Ourense no Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero (VioGén). O subdelegado informou que na provincia non hai casos catalogados de risco extremo, pero 2 deles presentan risco alto, 25 presentan risco medio, 136 presentan risco baixo e 205 risco non apreciado.

Así mesmo, o subdelegado informou de que nos meses de 2020 se interpuxeron na provincia de Ourense un total de 404 denuncias por violencia de xénero. Na actualidade 14 mulleres son usuarias do Servizo de Teléfono de Atención e Protección (ATENPRO) e están activos 19 dispositivos do sistema de control telemático de medidas e penas de afastamento.

“As cifras sitúannos ante a verdadeira dimensión do problema: unha violencia machista estrutural que debemos desmontar e derrotar entre todas e todos. Cada iniciativa e cada acción suman neste camiño cara a erradicación da violencia contra as mulleres”, indicou Emilio González tras participar na colocación dunha pancarta con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller na fachada principal da Subdelegación do Goberno, acto no que estivo acompañado pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María Alida Iglesias Gil. A pancarta permanecerá pendurada ata o próximo mércores 25 de novembro.

O subdelegado do Goberno lembrou que “para o Goberno de España a violencia de xénero é unha política de Estado absolutamente prioritaria”, á que destinou no ano 2019 nos concellos da provincia un total de 167.775 euros para a realización de proxectos e programas contra a violencia de xénero.

Así mesmo, Emilio González citou a labor que está a levar a cabo a Subdelegación do Goberno para incorporar a aqueles concellos que contan con Policía Local ao sistema de seguimento e protección de vítimas do Ministerio do Interior, VioGén, que na provincia de Ourense xa conta con sete adhesións: Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Barbadás, Verín, Xinzo de Limia e Celanova. “Dende a Subdelegación seguiremos impulsando todas aquelas accións encamiñadas a combater esta lacra social en colaboración coa sociedade e con todas as administracións”.

PROGRAMACIÓN

O 25N a Subdelegación do Goberno en Ourense acollerá o acto central ás 12 horas, no que se procederá á lectura do manifesto e se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas, seguido dunha lectura poética contra a violencia de xénero en colaboración co Círculo Poético Ourensán. Ademais, o día 25N a fachada da Subdelegación iluminarase coa cor violeta, símbolo desta reivindicación.

Estas accións de visibilización complétanse co reparto nas catro provincias galegas de 5.000 carteis de sensibilización contra a violencia de xénero que se colocarán en edificios públicos, sedes de asociacións profesionais e locais sociais de diversa entidade.