Maica Larriba pide responsabilidade á cidadanía durante a ponte da Constitución

Maica Larriba pide responsabilidade á cidadanía durante a ponte da Constitución

03/12/2020

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR), na que se prepararon os operativos de vixilancia e control para as próximas festividades.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a reunión do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) da provincia, á que asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, o inspector xefe de Operacións en funcións, Camilo Loureiro, o xefe provincial da Policía Autonómica, Diego González, e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a súa reunión, os integrantes deste órgano, que desde hoxe conta tamén coa participación da Policía Autonómica e do xefe territorial de Presidencia, analizaron as novas medidas decretadas onte pola Xunta de Galicia e fixaron os operativos policiais de vixilancia e control dos peches perimetrais de cara á ponte da Constitución.

A subdelegada quixo sinalar que as Forzas e Corpos de Seguridade de Estado continuaranse coordinando coas policías locais e a policía autonómica para garantir o cumprimento das medidas sanitarias decretadas e a nova regulación do sector da hostalaría, reforzar a vixilancia cidadá, e naqueles municipios con peche perimetral, controlar que se cumpren as restricións de movemento.

Por último, a subdelegada apelou á responsabilidade da cidadanía e lembrou a importancia de acatar estas normas co obxectivo de frear os contaxios e a propagación da enfermidade. Larriba, que pediu á veciñanza moita prudencia, insistiu en que as novas medidas aprobadas onte non deben ser entendidas como un síntoma de relaxación. “A día de hoxe na provincia non existen motivos para confiarnos, os contaxios continúan a producirse e a responsabilidade debe ser máxima para evitar un empeoramento da situación antes do Nadal”, concluíu a subdelegada.