A Garda Civil pon a disposición do concello de Caldas de Reis 418 m2 de chan urbano para ampliar a Travesía de Dona Urraca

30/03/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asistiu esta mañá ao acto de firma de cesión de terreos do cuartel da Garda Civil ao concello de Caldas de Reis.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asistiu esta mañá ao acto de firma do acordo entre a Garda Civil e o Concello de Caldas de Reis para a cesión, por parte da Garda Civil, de 418,21 metros cadrados dos terreos do seu cuartel para o proxecto de ampliación e urbanización da Travesía de Dona Urraca.

 “Hai pouco máis dun ano o alcalde Caldas de Reis expúxonos a min e ao coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, a proposta de permuta de terreos municipais para ampliar a zona de aparcamento e almacéns do actual Cuartel desta localidade. Con esta permuta, o Concello pode, ademais, ampliar e urbanizar unha das rúas contiguas ao cuartel, en concreto, a Travesía de Dona Urraca”, explicou a subdelegada.

Co obxectivo de poder levar a cabo esta mellora municipal, que se enmarca dentro do proxecto de “Recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada E.P.8005” da Deputación de Pontevedra, a Garda Civil subscribiu hoxe un acordo mediante o cal pon a disposición do Concello de Caldas e, en última instancia, da Deputación de Pontevedra, 418,21 metros cadrados de chan urbano. Entre os bens do cuartel afectados atópanse o muro perimetral, un almacén e a zona de aparcamento.

Coa firma deste acordo, que foi subscrito polo alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, eo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, a Garda Civil autoriza a execución de devandito proxecto nos terreos da súa propiedade.

Larriba amosou a súa satisfacción polo acordo subscrito, “xa que permitirá mellorar a vida dos veciños e veciñas de Caldas de Reis, que agardo que pronto poidan gozar das melloras deste entorno con novos espazos máis amplos e humanizados”.