Maica Larriba visita o Banco de Alimentos de Pontevedra

16/04/2021

A subdelegada do Goberno visitou hoxe xunto ao seu responsable, José Luis Doval, a sede do Banco de Alimentos en Pontevedra para coñecer o labor que desenvolve esta organización na comarca.  

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá a sede do Banco de Alimentos en Pontevedra xunto ao seu responsable, José Luis Doval.

Durante a súa visita, a subdelegada coñeceu de primeira man o labor que desenvolve esta organización na comarca. Un traballo que, segundo salientou a subdelegada, “en momentos difíciles como o actual resulta fundamental”. Na actualidade, a organización pontevedresa distribúe mensualmente 20 toneladas de alimentos entre os diferentes centros asistenciais da área comarcal.

Larriba quixo, así mesmo, agradecer o labor do seu responsable, José Luis Doval, “xa que o seu traballo é un exemplo de compromiso e dedicación, así como o do resto de voluntarios e voluntarias desta entidade que traballan arreo a prol das persoas máis vulnerables”.

O Banco de Alimentos colabora ademais como centro de almacenamento e distribución (CAD) do “Programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas” do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, executado a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). A subdelegada lembrou que, na anualidade do 2020, o Banco de Alimentos distribuíu na provincia –a través do centenar de organizacións de repartición que colaboran coa entidade e que son as encargadas de facer chegar directamente as cestas de alimentos esenciais aos usuarios– 784,5 toneladas de comida procedentes deste programa. En total, 23.750 persoas foron beneficiarias do programa na provincia, un 8 % máis que durante o ano 2019.

Larriba quixo tamén subliñar “o importante esforzo realizado polo Goberno durante o último ano para crear un escudo social que permita garantir que ninguén queda atrás nesta situación de crise ante a que nos enfrontamos”. Entre as diferentes medidas implementadas, a subdelegada destacou o Ingreso Mínimo Vital, “xa que permitiu reforzar o pilar social do Estado e garantir a asistencia ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade”.

Larriba resaltou que na provincia, o pasado mes de marzo 3.398 persoas recibiron xa esta axuda estatal.  Así mesmo, a subdelegada lembrou que “do número total de expedientes tramitados -12.030- resolvéronse 11.665, é dicir, o 96,96 % dos expedientes analizados”.

Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a prestación media recoñecida ascende a 460 euros ao mes e cada fogar beneficiario está formado por 2,77 persoas.

O Ingreso Mínimo Vital cobre a diferenza ata un limiar de renda garantido que varía en función do tipo de fogar contabilizando as rendas preexistentes, se existen, con excepción das rendas mínimas das comunidades autónomas. O limiar de renda garantida oscila entre os 470 euros ao mes (o equivalente a unha pensión non contributiva) para un fogar unipersoal e os 1.033 euros ao mes para unidades de convivencia formadas por dous adultos e tres ou máis menores ou tres adultos e dous ou máis menores ou por catro adultos e un menor.