Larriba alerta sobre o crecemento dos delitos de lesións, malos tratos, ameazas e coaccións na provincia

20/04/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a reunión da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os principais datos sobre delincuencia e infraccións penais rexistrados na provincia durante os últimos 45 días.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante o mes de marzo e os primeiros quince días do mes de abril.

A subdelegada advertiu que “a pandemia da COVID-19 e o confinamento domiciliario vivido durante o ano pasado fan que os datos de 2020 sexan unha anomalía polo que ao facer a comparativa interanual todos os índices son superiores”. Larriba sinalou tamén que os cambios na normativa sanitaria provocaron unha maior mobilidade das persoas ao longo do mes pasado e desta primeira quincena de abril, o que se traduciu nun incremento das infraccións penais nestes últimos 45 días.

Non obstante, a subdelegada quixo subliñar que “aqueles parámetros que inciden na percepción dos veciños e veciñas sobre a súa seguridade seguen rexistrando un descenso sobre os meses anteriores”. Neste sentido, cabe destacar que os roubos con violencia descenderon nun 30 % na provincia e os roubos con forza en vivendas e establecementos caeron nun 25 por cento % en comparación co mesmo período do ano anterior.

Sen embargo, os delitos de estafas en Internet creceron nun 14,60  % respecto ao ano 2020, así como os delitos leves de estafas con tarxetas de crédito, que rexistraron un incremento interanual do 178 %.

Larriba alertou tamén sobre “o preocupante o aumento das lesións, os malos tratos, as ameazas e as coaccións, que no último mes creceron nun 55 %”. Unha cifra que, segundo os  últimos datos, parece consolidarse durante a primeira quincena de abril. Os responsables policiais sinalan a “fatiga pandémica” como a posible causa do aumento deste tipo de delitos.

Durante a súa reunión, os integrantes da xunta tamén abordaron a situación das ocupacións. Durante o 2020 producíronse un total de 51 ocupacións en toda a provincia, concentrándose nas grandes cidades. Larriba explicou  as características comúns destas ocupacións, que “a meirande parte das veces prodúcense en vivendas baleiras e, en moitas ocasións, en infravivendas. En liñas xerais, son ademais ocupacións de poucos días, xa que os ocupantes adoitan abandonar a vivenda tras a intervención policial”.

No primeiro trimestre de 2021 producíronse un total de 19  ocupacións, aínda que segundo apuntou a subdelegada “6 delas permanecen desde o ano pasado nun edificio propiedade da banca e cuxos ocupantes néganse a abandonar”. Para Larriba é importante subliñar, neste sentido, que “a ocupación non é un problema real nesta provincia, a diferenza do que ocorre noutras zonas do país. En Pontevedra invádense propiedades baleiras e na meirande parte das ocasións estas son infravivendas”.     

Aumento dos ciberdelitos e descenso dos roubos en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía

Durante o encontro, os principais mandos policiais analizaron tamén os datos por concellos, destacando o descenso rexistrado no municipio de Pontevedra nos roubos con forza en vivendas, que caeron nun 75 % respecto ao mesmo período do ano pasado. Non obstante, aumentaron os furtos, pasando de denunciarse 3 durante marzo de 2020 a 6 en marzo de 2021. Así mesmo, tamén se incrementaron as estafas leves por Internet nun 400 %. Ademais, durante o mes de marzo de 2021, en Pontevedra contabilizáronse 238 infraccións penais, unha cifra superior á rexistrada durante marzo de 2020, mes no que se rexistraron 130 infraccións penais.

En Vigo, descenderon os roubos con violencia nun 27 %, os roubos con forza en establecementos nun 53 % e as subtraccións de vehículos nun 41 %. Non obstante, as estafas con tarxetas de crédito se incrementaron  nun 164 %.

Por último, en Vilagarcía de Arousa rexistrouse un descenso do 33 % dos roubos con forza en vivendas e nas subtraccións de vehículos, que se reduciron nun 50 %. Pero, como no resto das cidades analizadas, as estafas con tarxetas de crédito aumentaron nun 100 %.

Na xunta provincial de seguridade participaron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; e a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.