Maica Larriba e Manuel Campos analizan a seguridade no Concello de Cuntis

26/04/2021

Alcalde e subdelegada acordan constituír a Xunta Local de Seguridade en datas próximas.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, reuniuse esta mañá con Manuel Campos, alcalde do Concello de Cuntis, para revisar diferentes aspectos relacionados coa seguridade viaria e cidadá do municipio.

Durante o encontro, Manuel Campos expuxo ante Maica Larriba os diferentes problemas de seguridade viaria que presenta a estrada N-640 ao seu paso pola localidade, que a subdelegada se comprometeu a trasladar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Así mesmo, o alcalde e a subdelegada acordaron tamén convocar, en breves, unha Xunta Local de Seguridade para revisar os datos de seguridade cidadá do municipio. Neste sentido, Larriba avanzou que “as cifras de infraccións penais no concello son boas” e subliñou a excelente colaboración entre a Policía Local de Cuntis e a Garda Civil. “Un traballo conxunto que redunda nun mellor servizo e seguridade públicas”, afirmou.

Por último, Larriba quixo lembrar “a todos os concellos da provincia que esta Subdelegación ten as súas portas abertas. Como xa dixen no momento do meu nomeamento, estou a disposición de todos os alcaldes e alcaldesas da provincia, para escoitar as súas demandas e transmitirllas ao Goberno central”. Larriba destacou, neste sentido, o compromiso “desta Subdelegación e deste Goberno cos concellos, unha peza, se cabe, máis fundamental que nunca ante o reto de transformación e recuperación que o noso país ten por diante”.