A subdelegada do Goberno agradece a Carlos Valcárcel a súa “entrega e esforzo diario ao servizo da cidadanía”

04/05/2021

A subdelegada do Goberno recibiu esta mañá ao comisario xefe da Policía Nacional de Vigo-Redondela, que se xubila esta semana.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, recibiu esta mañá na Subdelegación do Goberno ao comisario xefe da Policía Nacional de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, con motivo da súa inminente xubilación.

A subdelegada do Goberno quixo agradecer ao comisario “o seu labor no último ano como xefe da Comisaría de Vigo-Redondela. Un traballo duro, marcado pola pandemia, e ao que se entregou con total afán e dedicación. Amais de mostrar a total colaboración con esta Subdelegación na organización dos diferentes dispositivos especiais levados a cabo durante estes meses por mor da crise sanitaria”.

Larriba subliñou tamén as máis de catro décadas de servizo no corpo da Policía Nacional do comisario, caracterizadas “pola entrega e o esforzo diario ao servizo da cidadanía que ten demostrado en cada un dos seus destinos”.  

Un traballo de máis de corenta anos que realizou, tal e como destacou a subdelegada, “con total dispoñibilidade, perseguindo sempre a mellora da calidade de vida e da seguridade de todos os cidadáns e cidadás desta provincia”.

Corenta anos ao servizo da cidadanía

O comisario Carlos Alfonso Valcárcel Araújo ocupa a xefatura da Comisaría da Policía Nacional de Vigo-Redondela desde o pasado mes de xullo de 2020, aínda que xa exercía o cargo en funcións desde marzo de 2020, tras xubilarse o anterior comisario xefe, José Luis de Luis Gallego.

Valcárcel ingresou en 1977 na Escola do Corpo Xeral de Policía de Madrid e incorporouse o 1 de xullo de 1978 á Comisaría Provincial de Xirona como inspector da Brigada Provincial de Investigación Criminal-Grupo de Atracos.

En maio de 1986 solicitou o seu traslado a Pamplona, onde dous anos despois converteuse en segundo xefe de Brigada. Alí permaneceu ata xullo de 1995, cando foi destinado ao Grupo de Estupefacientes a gran escala da Comisaría Provincial de Pontevedra, para tres anos máis tarde integrarse na Unidade de Drogas e Crime Organizado ( UDYCO).

O 28 de novembro de 2002 ascendeu a inspector xefe mediante concurso-oposición,cargo que desenvolveu na Comisaría Provincial de Pontevedra como coordinador de servizos e, posteriormente, responsable da Unidade Territorial de Seguridade Privada.

Durante os seguintes anos asumiu a Xefatura de Sección e a Xefatura de Brigada dentro da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, ata que no ano 2018 foi nomeado comisario. En 2019 incorporouse á Comisaría de Vigo-Redondela como xefe local de Operacións, asumindo, en funcións, a Xefatura da Comisaría en marzo de 2020.

A súa traxectoria de máis de 43 anos de servizo estivo marcada pola súa participación en más de 50 grandes operacións.

Entre as súas intervencións máis destacadas atópase a súa participación na detención de Luís  Roldán en maio de 1995 en Laos. Así mesmo, entre 1986 e 1995, Valcárcel colaborou na desarticulación e detención de diferentes membros da banda terrorista ETA.

Durante a súa pertenza á  Unidade de Droga e Crime Organizado (UDYCO) de  Pontevedra interveu tamén en múltiples operacións contra o narcotráfico, así como en diferentes aprehensións de grandes alixos de droga.