Isabel Rodríguez agradece a José Tomé a súa colaboración para conservar unha histórica bandeira republicana da Garda Civil de Lugo

04/05/2021

 A Deputación entrega á Garda Civil unha vitrina na que se gardará a bandeira que volveu a Lugo grazas as xestións do coronel xefe Miguel Ángel González Arias
 “Esta bandeira é moi valiosa pola súa antigüidade e por ser testemuña dunha parte da historia de España que non debemos esquecer”, manifestou a subdelegada
 A bandeira fora entregada á Comandancia de Lugo en 1935 polo Goberno de España e logo de comezar a Guerra civil transformárona tapando a franxa morada con unha tela vermella


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, recibiron hoxe de mans do presidente da Deputación Provincial, José Tomé, unha vitrina que cede esta institución á Benemérita para conservar en condicións idóneas a bandeira que lle concedeu o Goberno da República no ano 1935 á Garda Civil de Lugo.

 

A subdelegada e o coronel agradecéronlle ao presidente da Deputación o seu interese e colaboración que axudará a expoñer e preservar esta histórica bandeira, que sobreviviu ao franquismo pero coa franxa morada cuberta por unha tela de cor vermello.

 

Isabel Rodríguez manifestou que “esta bandeira é moi valiosa pola súa antigüidade e tamén por ser testemuña dun pasado que non debemos esquecer”.

 

A subdelegada tamén destacou que “Lugo conseguiu recuperar este fragmento da súa historia, que estamos obrigados a preservar, grazas ao empeño do coronel González Arias que honra así a historia da Garda Civil e a memoria dos seus predecesores nuns tempos moi duros na vida dos españois”.

              

O Goberno da República concedeu, mediante unha orde comunicada o 6 de outubro de 1935, a bandeira nacional á Comandancia da Garda Civil de Lugo como recoñecemento ao labor realizado pola Institución na provincia desde a súa creación en 1844. A confección e adquisición da mesma así como dos seus accesorios  –hasta, moharra con escudo da provincia de Lugo, cintas e cordóns dourados- foron sufragados polos concellos lucenses.

 

O 1 de novembro de 1935 tivo lugar o acto oficial de entrega na praza Maior de Lugo e permaneceu na Comandancia ata 1944. Nalgún momento, entre 1936 e 1944 foi transformada coséndolle unha tela vermella para ocultar a franxa de cor morada, posiblemente coa finalidade de seguir usándoa durante a Guerra Civil e nos primeiros anos da ditadura.

 

A pesar das modificacións que lle fixeron, conserva todas as características que identifican ás bandeiras da II República, fixadas nun decreto de 27 de

abril de 1931, como son a forma cadrada, tres bandas do mesmo ancho, escudo bordado da República con coroa mural e ribeteada con flocos dourados.

 

O 1 de xullo de 1944 a Dirección Xeral da Garda Civil ordenou a retirada de todas as bandeiras que foran entregadas durante a República, polo que quedou depositada no Museo do Exército. Posteriormente, en 2004 pasou ao Museo de Gardas Xóvenes de Valdemoro, onde a localizou o coronel xefe da Comandancia, Miguel Ángel González Arias.

 

Esta histórica bandeira retornou a Lugo no ano 2019, con motivo do 175 aniversario da fundación da Garda Civil, grazas ás xestións realizadas polo coronel González Arias, quen investigou sobre o seu paradoiro e a súa historia, ademais de conseguir que lle fora cedida á Comandancia en depósito.