Larriba: «Cuntis é un concello moi seguro e tranquilo»

06/05/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a primeira Xunta Local de Seguridade do Concello de Cuntis xunto ao seu alcalde, Manuel Campos.

A subdelegada de  Goberno, Maica   Larriba, presidiu hoxe xunto o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, a Xunta Local de Seguridade desta localidade. Na reunión tamén estiveron presentes o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, e o xefe da Policía Local.

A subdelegada informou de que “segundo os datos proporcionados pola Garda Civil, Cuntis é unha localidade moi tranquila e segura, que rexistra unha incidencia moi baixa de criminalidade”. Neste sentido, a subdelegada quixo destacar que as infraccións penais reducíronse no municipio durante o último ano nun 26,25 %.  “Apenas se rexistran aqueles delitos que causan maior inseguridade na cidadanía como son os roubos e outros delitos contra o patrimonio, polo que podemos asegurar que Cuntis é unha vila moi tranquila e segura”, afirmou a Larriba.

Segundo os datos proporcionados polos responsables policiais durante a reunión, durante os catro primeiros meses do ano producíronse 4 estafas bancarias e 4 estafas con tarxetas de crédito, que representan o 50 % da totalidade de delitos rexistrados no municipio durante dito período de tempo. Tal e como explicou a subdelegada “estas cifras evidencian que se consolida a tendencia reducionista rexistrada durante o ano pasado e apuntalan a seguridade cidadá da localidade”.

Larriba destacou que os  delitos graves e menos graves contra o patrimonio experimentaron unha baixada interanual do 22,73 %. Así mesmo, os delitos leves contra o patrimonio reducíronse nun 35,48 % no 2020 con respecto ao ano anterior.

Esta foi a primeira reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello de Cuntis. As Xuntas Locais de Seguridade son órganos colexiados creados para facilitar a cooperación e a coordinación, no ámbito territorial do municipio, das Administracións Públicas en materia de seguridade, asegurando de forma específica a cooperación e a coordinación operativa das Forzas e Corpos de Seguridade que interveñen no termo municipal.