José Miñones inicia os contactos coas centrais sindicais de Galicia para afondar no diálogo social cos representantes dos traballadores na Comunidade

08/05/2021

O delegado do Goberno reiterou a vontade de colaboración do Goberno cos sindicatos para afrontar a reforma do mercado de traballo garantindo a protección dos dereitos dos traballadores e a igualdade no mundo laboral

Remarcou que o Executivo traballa intensamente co obxectivo de que a saída da crise sexa “xusta, social, inclusiva e igualitaria”

No sector agrario, a reforma da PAC debe servir para a consolidación do sector primario de Galicia


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, comezou esta semana unha ronda de contactos cos responsables dos principais sindicatos presentes na Comunidade Autónoma. O obxectivo é establecer unha canle de colaboración cos sindicatos para afondar no diálogo social de cara a coñecer a súa opinión sobre as reformas e medidas que está adoptando o Goberno e comprobar a súa implantación en Galicia.

En días pasados, o delegado mantivo sendos encontros co secretario xeral de Comisións Obreiras, Ramón Sarmiento; co secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e con Roberto García, secretario xeral do principal sindicato agrario de Galicia, Unións Agrarias. As reunións terán continuidade nos vindeiros días con outros sindicatos xerais e sectoriais co obxectivo de coñecer a realidade dos traballadores e traballadoras de Galicia.

Nas reunións, o delegado do Goberno reiterou aos representantes sindicais o compromiso do Executivo para que a saída da crise sexa “xusta, social, inclusiva e igualitaria”. Medidas como os ERTE, as prestacións extraordinarias, os subsidios e axudas entran dentro deste esforzo sin precedentes, que obrigou a realizar unha inxente e rápida modernización dos servicios públicos de emprego e da Seguridade Social.

Tamén lles transmitiu os pasos decididos que está a dar o Goberno para a modernización do mercado de traballo, con medidas que garantan a protección dos traballadores e a igualdade. Unha modernización chave para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

No sector agrario, o delegado transmitiu ao secretario de Unións Agrarias a úa confianza en que a reforma da PAC sirva como consolidación dun sector primario moderno e competitivo en Galicia.