Isabel Rodríguez louba a profesionalidade das forzas de seguridade na loita contra a pandemia

13/05/2021

 A subdelegada do Goberno agradece o infatigable traballo que desenvolveron mandos e axentes da Garda Civil durante o último ano para protexer aos lucenses
 No acto institucional entregáronse os carnets de retirados a catro membros do Corpo recentemente xubilados


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe o acto conmemorativo do 177 aniversario da fundación da Garda Civil, no que estivo acompañada polo coronel xefe da Comandancia, Miguel Ángel González Arias.

Isabel Rodríguez remarcou que “o labor da Garda Civil na provincia de Lugo é motivo de orgullo e, por iso, considero necesario que festexemos o seu aniversario, aínda que teña que ser hoxe con un acto restrinxido e con poucos asistentes por mor das especiais circunstancias sanitarias”.

A subdelegada felicitou aos mandos e a todos os membros da institución na provincia pola profesionalidade demostrada durante o último ano. Rodríguez eloxiou “o infatigable traballo que desenvolveu a Garda Civil durante o último ano para protexer aos lucenses”  e destacou que “eu puiden comprobar de primeira man que facedes honor ao compromiso que asumistes ao ingresar no Corpo, por iso penso que sodes merecedores do aplauso de toda a comunidade, máis aínda despois dos tempos tan duros que nos tocaron vivir, nos que as forzas de seguridade estiveron sempre a pé de obra e demostraron ser de vital importancia para a protección dos lucenses”.

A conmemoración do 177 aniversario da Garda Civil tivo lugar esta mañá no patio de armas da Comandancia e contou coa presenza do subdelegado de Defensa, Fernando Brinquis, o xefe provincial accidental do Corpo Nacional de Policía, Manuel Luaces; o xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, e o xefe da Policía Autonómica, Javier Amigo.

O acto comezou coa lectura dun fragmento dos decretos fundacionais do Corpo e que, case dous séculos despois, mantén plena vixencia, xa que subliña que a Benemérita naceu “para precaver e reprimir os actos que poidan poñer en perigo ás persoas e os bens dos cidadáns”.

Deseguido, efectuouse a entrega de carnets de retirados a catro membros do Corpo recentemente xubilados: o capitán Manuel Saavedra Saavedra, o sarxento primeiro Antonio López Rodríguez, o cabo maior Francisco Fernández Ares e o garda civil Simón Abuín Randulfe.

Posteriormente realizouse unha ofrenda en homenaxe a todos os gardas civís que deron a súa vida por España e o acto concluíu coa interpretación dos himnos da Garda Civil e de España.