José Miñones subliña a entrega á Xunta de 1,5 millóns de euros para avanzar na transformación dixital da Xustiza

14/05/2021

O delegado do Goberno apunta que este investimento ten como obxectivo que situacións de crise como a da pandemia non afecten novamente á prestación do servizo púlico da Xustiza

Contempla catro medidas: a tramitación dixital, o posto de traballo deslocalizado, a cita previa para a atención cidadá e a ciberseguridade


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe a achega de 1,5 millóns de euros do Goberno á Xunta para avanzar na transformación dixital da Xustiza co obxectivo de asegurar a prestación deste servizo público sen que lle afecten novamente situacións como unha pandemia.

José Miñones considera que este é un paso decisivo para que a tramitación dos asuntos xudiciais, peza clave da democracia, non se vexa de novo alterada por unha situación inesperada e crítica, e redundará no beneficio dos cidadáns e dos traballadores que directa e indirectamente pertencen a este ámbito. Este compromiso coa Xustiza tradúcese tecnicamente no “Proxecto 0”, que inclúe as medidas necesarias para avanzar nun modelo de Xustiza eficiente e que chegue a todas as persoas.

O delegado do Goberno indicou que a Xunta recibirá 1.521.993 euros segundo o reparto acordado entre o Ministerio de Xustiza e as doce Comunidades Autónomas con competencias transferidas nesta materia. Este reparto foi aprobado pola Conferencia Sectorial de Xustiza, ratificado polo Consello de Ministros do pasado 27 de abril e finalmente esta semana foi publicado no Boletín Oficial do Estado.

O “Proxecto 0” pasa pola implantación coordinada de infraestruturas dixitais homoxéneas e interoperables (hardware, licenzas, servidores, espazo de almacenamento, bases de datos) en todo o territorio do Estado. Para iso, contempla a posta en marcha de catro medidas: a  tramitación dixital, o posto de traballo deslocalizado, a cita previa para a atención cidadá e a ciberseguridade.

Plan Xustiza 2030

Este proxecto forma parte do plan Xustiza 2030, unha das principais ferramentas da Administración de Xustiza, xunto cos Fondos UE Next  Generation, para afrontar os novos retos e desafíos que debe afrontar a Xustiza en España.

O Plan Xustiza 2030 é un proxecto que está facendo o Ministerio de Xustiza en  cogobernanza coas Comunidades Autónomas, o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Fiscalía Xeral do Estado, entre outros actores. Inclúe un ambicioso paquete de reformas estructurais para  acadar un servizo público de Xustiza baseado en tres piares: accesibilidade, eficiencia e sustentabilidade.