As forzas de seguridade continúan co Plan Director para a convivencia nos centros educativos da provincia

20/05/2021

O subdelegado do Goberno destaca a importancia de manter a actividade deste Plan da Secretaría de Estado de Seguridade, moi valorado pola comunidade educativa.

O acoso escolar, a violencia de xénero e os riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais son algúns dos temas que tratan os equipos da Policía Nacional e da Garda Civil nas charlas en centros educativos.

O Plan Director forma parte da orde do día das Xuntas Locais de Seguridade que se celebran na provincia dende o ano 2020


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá a reunión da Comisión Provincial de Seguimento do Plan Director para a mellora da convivencia nos centros educativos e nas súas contornas na que se avaliou o desenvolvemento do mesmo durante este curso escolar 2020-2021.

O subdelegado do Goberno sinalou que, pese ás dificultades derivadas da pandemia, é moi importante que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado poidan continuar coa actividade do Plan Director, que é moi valorado pola comunidade educativa, como demostra a demanda por parte dos centros educativos.

O obxectivo deste Plan da Secretaría de Estado de Seguridade é fortalecer a cooperación policial coas autoridades educativas para mellorar a convivencia e a seguridade no ámbito escolar. Emilio González animou ás familias e ás autoridades educativas a implicarse activamente, aproveitando as ferramentas que ofrece este programa para anticiparse aos conflitos e previlos, así como detectar e buscar solucións unha vez xorden as situacións de risco.

González Afonso puxo de manifesto que “debido ás limitacións derivadas da crise sanitaria, este curso escolar predominou a metodoloxía das sesións en formato on line. Non obstante, leváronse a cabo formacións e actuacións presenciais nos centros educativos que así o demandaron, unha vez valorada a súa pertinencia e adoptando os protocolos de prevención da COVID-19 vixentes”.

O subdelegado do Goberno quixo resaltar o compromiso da Forzas e Corpos de Seguridade do Estado co desenvolvemento do Plan Director na provincia de Ourense. “Non só son importantes as labores de vixilancia que realizan as forzas e corpos de seguridade nas contornas dos centros educativos, senón tamén as tarefas de prevención e formación que levan a cabo co alumnado e coas familias en temas como o acoso escolar, a violencia de xénero, os riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais ou o consumo e tráfico de estupefacientes”, indicou González Afonso.

Por último, na reunión deuse conta da introdución do Plan Director como un dos puntos da orde do día nas Xuntas Locais de Seguridade celebradas na provincia dende a constitución da Comisión Provincial en marzo de 2020, co obxectivo de establecer a colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e as Policías Locais para facer un seguimento do mesmo.

Ao encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, asistiron o director da Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno, Manuel Regueiro; o comisario xefe de Operacións, Eduardo Gutiérrez; o capitán da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Miguel Cruz; a subinspectora de Participación Cidadá do CNP, Teresa Ramos; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias; a xefa de servizo de Coordinación Cultural da Xefatura Territorial de Educación, Sandra Quintas Vázquez; e o xefe de servizo da Inspección Educativa da Xefatura Territorial de Educación, José Fisteos.