Isabel Rodríguez reúnese coas forzas de seguridade para planificar o traballo da próxima semana

21/05/2021

 A Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 539 controis, 667 inspeccións na hostalaría e formularon 103 propostas de sanción na provincia durante os últimos sete días


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal de coordinación policial para planificar o traballo que realizarán as forzas de seguridade na provincia en cumprimento da normativa sanitaria e as restricións ditadas pola Xunta para evitar a expansión da pandemia da COVID-19. Na xuntanza, que se celebrou por videoconferencia, participaron mandos da Policía Nacional e da Garda Civil, así como da Policía Autonómica e da Policía Local de Lugo.

 

Isabel Rodríguez agradeceu especialmente aos responsables das forzas de seguridade a o traballo realizado durante a ponte do 17 de maio e pediu que nesta fin de semana se intensifique, de novo, o control das zonas de ocio nas que se poidan producir aglomeracións de persoas nos distintos concellos da provincia.

 

Na xuntanza organizouse o operativo conxunto das forzas de seguridade tendo en conta os cambios nas restricións establecidas para os concellos da provincia de Lugo, entre os que figuran as novas medidas nos horarios de funcionamento da hostalaría.

 

Ademais, pasouse revista ao labor realizado durante a última semana, Así, a subdelegada deu conta de que a Policía Nacional e a Garda Civil montaron na provincia 539 controis e 667 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos participaron 1.049 axentes,  foron identificadas 7.478 persoas e controláronse 6.261 vehículos.

 

Como consecuencia destes controis, entre os días 14 e 20 de maio, formuláronse na provincia 103 propostas de sanción por parte da Policía Nacional e da Garda Civil.