José Miñones sitúa a provincia de Ourense no centro do compromiso dun Goberno que traballa cos concellos para abordar o reto demográfico

28/05/2021

“O compromiso do Goberno é firme cos municipios galegos”, declara José Miñones

Subliñou importancia que terá para Galicia o Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico que presentou hai só uns días o presidente Pedro Sánchez e que preve investimentos de 10.000 millóns de euros

O Plan de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración chegará nos próximos meses a 117 entidades de poboación na provincia de Ourense, con 1,9 millóns de euros

No conxunto da provincia ourensá, a última liña de achegas para mellora da eficiencia enerxética ascende a 21,8 millóns de euros para 129 proxectos

As actuacións vinculadas á eficiencia enerxética subvencionadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico continúan na comarca de Verín, onde tamén hai actuacións para melloras hidrolóxicas

O Goberno traballa na zona a través dos ministerios de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para a extensión da banda ancha, e de Cultura e Deporte, coa dinamización da lectura


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, situou hoxe a provincia de Ourense no centro do compromiso dun Executivo que traballa cos concellos para abordar o reto demográfico. Expresouse así durante unha visita institucional ao Concello de Verín, seguida por outra a Castrelo do Val onde subliñou a relevancia que terá para Galicia o Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico que vai desenvolver o Goberno cun investimento histórico de 10.000 millóns de euros para garantir a igualdade e a cohesión territorial nos pequenos municipios.

Acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; José Miñones estivo en Verín co alcalde, Gerardo Seoane. Xuntos, visitaron a ponte de Queizás, concluída en marzo para conectar o polígono de Pazos coa Nacional 532 e cuxa construcción foi cofinanciada entre o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o Concello, con 800.000 euros e aportación estatal.

Estiveron a continuación na Estación Depuradora de Augas Residuais de Verín, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do mesmo Ministerio que aporta case 11.000 euros para melloras hidrolóxicas no municipio, e por último no parque da Preguiza, onde o delegado do Goberno constatou a importancia da dinamizar o rural para fixar poboación nel.

“Hoxe estamos aquí porque entendemos que non hai mellor sitio que Verín para poñer en valor o compromiso do Goberno co municipalismo, e para subliñar a importancia do Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico que presentou hai só uns días o presidente Pedro Sánchez”, subliñou o delegado.

De feito, Verín “destaca por ser exemplo do que persegue o Goberno co seu Plan de Recuperación ante o Reto Demográfico”, como demostran os investimentos “para cumprir obxectivos como a transición dixital e plena conectividade, promoción da cultura, impulso da transición ecolóxica, turismo sostible e cohesión social, entre outros”, engadiu.

En concreto, neste Concello o IDAE financia dende 2019 diversas actuacións vinculadas á eficiencia enerxética con 2,05 millóns de euros. Unha parte delas, a renovación do alumeado urbano, xa está terminada, e están en execución aquelas vinculadas á mobilidade urbana sostible e á renovación do alumeado público das áreas rurais.

Pola súa parte, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración ten dúas entidades de poboación de Verín beneficiarias en 2019 e outras 5 en 2020, coa implicación do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Tamén están comprometidos outros 10.000 euros do Ministerio de Cultura e Deporte para un proxecto da Biblioteca Municipal relacionado co fomento da lectura.

“Pretendemos que vivir en concellos como Verín sexa un privilexio e por iso traballamos para dotalo das mellores ferramentas”, declarou o delegado antes de asegurar que “o compromiso do Goberno é firme cos municipios galegos”.

CASTRELO DO VAL

Tras visitar Verín, o delegado do Goberno estivo en Castrelo do Val e mantivo unha reunión co seu alcalde, Vicente Gómez. Alí constatou o estado da liña de achegas do IDAE para mellora da eficiencia enerxética que ascende a 285.000 euros. Xa están terminadas as renovacións do alumeado público tanto de Castrelo do Val como de Campobecerros, Fontefría, Gondulfes e Pepín. Queda pendente a instalación solar fotovoltaica para autoconsumo da Casa do Concello.

Ademáis, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración tivo cinco entidades beneficiarias deste término municipal nas últimas convocatorias publicadas.

Na comarca de Verín, entre os concellos de Verín, Laza e Vilardevós, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico inviste 92.500 euros, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, en melloras hidrolóxicas.

PROVINCIA DE OURENSE

O delegado do Goberno destacou o traballo das vicepresidentas segunda e cuarta, Nadia Calviño e Teresa Ribera, en especial polo seu compromiso con Galicia. En 2020, o Plan de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración chegará nos próximos meses a 117 entidades de poboación na provincia de Ourense, con 1,9 millóns de euros do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Pola súa parte, a última liña de achegas para mellora da eficiencia enerxética do IDAE ascende a 21,8 millóns de euros para 129 proxectos, correspondentes ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.