José Miñones destaca os 13,8 M€ concedidos a cidades galegas para compensar a caída de ingresos no transporte público como mostra do compromiso do Goberno co municipalismo
09/06/2021
O delegado insiste en que o Goberno está cos concellos e coa administración local, que fixo un enorme esforzo para seguir prestando servizos esenciais durante a pandemia
Son 5,7 millóns para Vigo, 5,5 para A Coruña, 1,3 para Santiago, 1,05 para a de Ourense e 381.000 euros para a de Lugo
O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o Real Decreto que regula a concesión das subvencións a entidades locais que prestan este servizo
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que os 13,8 millóns de euros que vén de conceder o Executivo a cidades galegas pola caída de ingresos do transporte público a causa da pandemia son unha nova mostra do compromiso cos municipios e coa administración local. “Con estas axudas directas e excepcionais recoñecemos o esforzo tamén excepcional que fixeron e seguen a facer os gobernos locais para seguir prestando servizos esenciais para a cidadanía nos momentos de crise sanitaria”, explicou o delegado.
José Miñones insistiu en que o Goberno “está cos concellos como protagonistas que son na vida cotiá das persoas” e lembrou outras medidas adoptadas que beneficiaron aos gobernos locais, como a suspensión das regras fiscais, que lles permite usar os remanentes de tesourería, ou os recursos incluídos nos Orzamentos. Ademais, coa actualización das entregas a conta da participación nos tributos do Estado, ingresarán un 3% máis que en 2020.
O BOE de hoxe publica o Real Decreto polo que se conceden subvencións a municipios que prestan o servizo de transporte público. O Real Decreto materializa o acordo adoptado onte polo Consello de Ministros a proposta dos Ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e de Facenda.
Segundo se indica no RD, cinco cidades galegas recibirán 13.817.582,35€, unha cantidade que se acordou en función da información achegada polos propios concellos sobre os ingresos do servizo do transporte urbano no ano anterior á pandemia, o 2019. Esta cantidade corresponde ao 40% do que facturaron estes servizos nese ano, que é o que se estima que deixaron de ingresar polas restriccións de mobilidade e outras derivadas da pandemia.
PROVINCIA | ENTIDADES LOCALES | INGRESOS COMPUTABLES | SUBVENCIÓN CONCEDIDA |
A Coruña | A coruña | 13.618.874,89€ | 5.447.549,96€ |
Lugo | Lugo | 952.857,71€ | 381.143,08€ |
Ourense | Ourense | 2.614.073,40€ | 1.045.629,36€ |
A Coruña | Santiago | 3.115.439,37€ | 1.246.175,75€ |
Pontevedra | Vigo | 14.242.710,49€ | 5.697.084,20€ |
TOTALES | 34.543.955,86€ | 13.817.582,35€ |
En total, o Goberno repartirá nos próximos días 433,9 millóns de euros entre Entidades Locais para compensar a redución de ingresos do transporte público causada polas restricións de mobilidade e a redución de aforos nos vehículos durante a pandemia do COVID-19. Estas axudas de carácter excepcional beneficiarán a preto de 237 concellos, cabidos, consellos insulares e mancomunidades de municipios e as súas áreas metropolitanas.