Emilio González coordina o operativo de seguridade contra a pandemia na provincia de Ourense

15/06/2021

A Garda Civil e a Policía Nacional realizaron nos últimos catorce días 561 dispositivos de control, 385 inspeccións en establecementos de hostalaría e formularon 187 propostas de sanción.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu a reunión de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia para realizar un seguimento dos operativos vencellados á actual situación sanitaria. Na xuntanza, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron mandos da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica e da Policía Local de Ourense.

O subdelegado do Goberno sinalou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil continuarán coas tarefas de vixilancia e información, en tanto continúen sendo necesarias as restricións para evitar a propagación do coronavirus. Na xuntanza acordouse a realización de dispositivos conxuntos entre a Policía Nacional e a Policía Local de Ourense durante as fins de semana, prestando especial atención en zonas de ocio nas que se congrega un maior número de persoas.

Durante a reunión, as forzas e corpos de seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para garantir o cumprimento das medidas ditadas polo Goberno autonómico. Así, entre o 1 e o 14 de xuño a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 561 controis e 385 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos identificouse a 1.731 persoas e controláronse 1.278 vehículos. Como consecuencia destes controis, na provincia formuláronse 187 propostas de sanción por parte da Garda Civil e da Policía Nacional.

Emilio González destacou o traballo e a coordinación das forzas e corpos de seguridade que traballan para protexer a saúde dos ourensáns e pediu á veciñanza que “continúe respectando as medidas de autoprotección, como o uso da máscara e o resto de prescricións que determinen as autoridades sanitarias, para evitar volver atrás”.