Emilio González anuncia unha maior vixilancia da seguridade na provincia de Ourense durante a temporada estival

02/07/2021

Un total de 46 gardas civís e 25 policías máis reforzarán as plantillas de ambos corpos


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, informou na mañá de hoxe do dispositivo de reforzo da seguridade na provincia con motivo do inicio da Operación Verán 2021, do plan de seguridade do Xacobeo e de prevención de incendios que establece un reforzo das plantillas de Policía Nacional e Garda Civil. Emilio González sinalou que tamén se contará con efectivos da Garda Nacional Republicana (GNR) portuguesa durante a temporada estival.

O subdelegado do Goberno informou de que o Ministerio do Interior reforzará a plantilla da Garda Civil con 46 efectivos, entre eles 8 axentes do Escuadrón de Cabalería e 6 destinados ao SEPRONA. Ademais, contarase co apoio dun Módulo de Intervención Rápida do GRS e dun helicóptero no momento en que sexa precisa a súa intervención.

Pola súa banda, na Policía Nacional incorporaranse 25 axentes, entre persoal en prácticas e funcionarios de carreira. A eles súmase o apoio dun equipo operativo da Unidade Especial de Cabalería de Pontevedra que participa na campaña de prevención de incendios.

Durante os meses de verán, os axentes levarán a cabo un especial control dos aforos e do tráfico, prestando especial atención ás zonas máis turísticas, á cidade e ao camiño de Santiago. Así mesmo, ante a previsible reanudación das festas patronais e locais, Emilio González sinalou que os efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade tamén velarán pola seguridade neste tipo de eventos.

Dende a Subdelegación do Goberno en Ourense adoptaranse as medidas precisas para a posta en marcha de dispositivos conxuntos ou complementarios cos corpos de Policía Local que sexan necesarios para incrementar a seguridade cidadá nas zonas máis turísticas, así como para controlar e tratar de evitar a celebración de reunións numerosas na vía pública. Todo elo conxugado coas medidas correspondentes ao vixente Nivel 4 de alerta antiterrorista, establecido en aplicación do Plan de Prevención e Protección Antiterrorista.

OPERACIÓN VERÁN 2021

O Ministerio do Interior activou o pasado 1 de xullo a Operación Verán 2021 nas nove comunidades autónomas de maior afluencia turística, entre elas Galicia, co obxectivo de proporcionar protección e seguridade en xeral a todas as actividades ligadas ao turismo, así como a toda a cidadanía nacional e estranxeira que acode ou seu move polo territorio nacional para gozar do seu período vacacional estival.

O subdelegado do Goberno salientou que a Operación Verán 2021 na provincia de Ourense “permite aumentar a vixilancia e control preventivo en vías de comunicación urbanas e interurbanas, estacións, hoteis, cámpings e calquera acontecemento que supoña unha gran concentración de persoas”.

Ademais, “reforzarase a prevención fronte a determinados ilícitos penais contra a propiedade, como roubos en interior de vivendas, e fronte ás estafas on-line, un dos feitos que motivan a interposición de máis denuncias durante os meses vacacionais como consecuencia do incrementos nestas datas do uso de internet para reservar aloxamentos e paquetes de viaxe”, sinalou González Afonso.

TURISMO SEGURO

A Operación Verán 2021 é complementaria do Plan Turismo Sostible Seguro que cubre a totalidade do territorio nacional. O subdelegado do Goberno indicou que “centrarase, como en anos anteriores, en previr a comisión de feitos delituosos dos que poidan ser vítimas os cidadáns nacionais e estranxeiros nos seus desprazamentos e estancias, así como a prover aos turistas da asistencia e asesoramento en cuestións relacionadas coa súa seguridade”.