José Miñones destaca que o Goberno seguirá apoiando ás universidades públicas galegas con aportacións directas de fondos para modernización e dixitalización

12/07/2021

O delegado confirma que o Executivo manterá o sistema de concesión directa de fondos ás tres universidades polo que este ano outorgou 19,4 millóns de euros ás institucións galegas

Neste curso, 6.581 alumnos e alumnas recibiron unha bolsa de estudos do Ministerio de Educación, con 18 millóns de euros de achegas públicas

A Universidade de Vigo captou 14,6 millóns de euros en axudas do Goberno dende o ano pasado

José Miñones traslada ao reitor a oportunidade que presenta o Plan de Recuperación para a institución académica olívica, que destina 12.266 millóns de euros a modernización da educación a I+D+I


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou hoxe a intención do Executivo de proseguir coas asignacións directas ás universidades públicas dos fondos procedentes de programas de axudas estatais e que ata agora se transferían a través das Comunidades Autónomas. José Miñones fixo estas declaracións durante a súa primeira visita institucional á Universidade de Vigo, onde mantivo unha reunión co seu reitor, Manuel Reigosa.


“Respondemos así a unha demanda das propias universidades”, insistiu José Miñones, quen apuntou que esta modificación xa se aplicou no programa de axudas a captación de talento, que concedeu 19,4 millóns de euros ás tres institucións universitarias públicas galega. “Neste programa, a Universidade de Vigo dispón de 5,4 millóns de euros para conceder ata 37 axudas posdoutorais”, explicou. O Goberno tamén empregará o sistema de transferencia directa no próximo reparto entre tódalas universidades públicas españolas de 142 millóns do Plan de Dixitalización Universitaria “que acordaremos no mes de setembro”, engadiu o delegado.

Bolsas de estudo

José Miñones avaliou con Manuel Reigosa os resultados da última convocatoria de bolsas de axuda ao estudo nesta institución. O Ministerio de Educación apoiou neste curso a 6.581 alumnos e alumnas da Universidade de Vigo que recibiron 18 millóns de euros en bolsas. “Na Universidade de Vigo, axudamos a 679 alumnos e alumnas máis que o curso anterior e aumentamos un 26% o impacto con 4 millóns de euros máis en axudas”, indicou o delegado. Puxo en valor a aposta do Goberno polas bolsas académicas como instrumento que garante a equidade do acceso á educación. Lembrou que a próxima convocatoria, que sairá publicada nestas semanas, contará cunha dotación histórica de 2.038 millóns de euros, cos que se prevé aumentar un 24,5% as bolsas outorgadas.


O delegado tamén trasladou ao reitor que a Delegación do Goberno apoiará a tramitación das bolsas académica na unidade de xestión da Universidade de Vigo con 4 persoas contratadas, que se incorporarán no próximo mes de setembro.

Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Durante a xuntanza, o delegado e o reitor analizaron as oportunidades que abre o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a Universidade, concretamente a través de dúas políticas panca centradas na modernización da educación superior e na progresión da ciencia. 


Estas dúas políticas contan cun orzamento de 12.266 millóns de euros. “Sei que a Universidade de Vigo ten capacidade e potencial académico e investigador suficiente para ser referente nas dúas. Xa o demostrou nestes últimos anos, cando captou máis de 14 millóns e medio do Goberno no capítulo de investigación”, apuntou José Miñones.


A primeira política panca busca modernizar a formación e a mobilidade do seu capital humano e as súas infraestruturas.  A segunda o que persigue e garantir que a ciencia e o coñecemento das universidades cheguen á sociedade.