O subdelegado do Goberno en Ourense mantén un encontro institucional co alcalde de Calvos de Randín

21/07/2021

Emilio González e Aquilino Valencia analizaron os datos de seguridade cidadá e dos investimentos do Executivo central no municipio.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo esta mañá un encontro institucional co alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, no que abordaron diversos temas de interese para o municipio e no que visitaron as instalacións da Casa Consistorial e do Posto da Garda Civil no municipio.

Na reunión, o subdelegado do Goberno e o alcalde analizaron os datos de seguridade cidadá do concello. Emilio González sinalou que “o índice de criminalidade en Calvos de Randín mantense en niveis moi baixos, o que fai deste un concello seguro e tranquilo en relación a municipios de poboación similar”.

O subdelegado do Goberno incidiu na importancia que ten o eido local nas políticas do Executivo central. Nese senso, explicou que unha das liñas de acción presentes en Calvos de Randín é a vinculada ao Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que respaldou economicamente o proxecto de renovación de instalacións de iluminación exterior neste concello cunha subvención de 83.140 euros, coa conseguinte redución do consumo enerxético.

Así mesmo, Emilio González e Aquilino Valencia analizaron o desenvolvemento do Programa de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA), coa implicación do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que permitirá que as entidades de poboación de Serois, Lobás, Castelaus, Calvos e Randín conten con esta tecnoloxía de acceso á rede.

Na xuntanza, tamén repasaron a situación dos investimentos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que levará a cabo o proxecto de mellora da depuración nos núcleos de Vilar, Randín, Rubiás, Paradela, Rioseco e Calvos, en colaboración co concello co fin de adoptar unha serie de solucións construtivas que permitan mitigar a problemática detectada nas distintas depuradoras.

Por último, o subdelegado do Goberno destacou que na reunión co rexedor abordaron o Plan de Reto Demográfico do Goberno, que contará cun investimento de 10.000 millóns de euros para garantir a igualdade e a cohesión territorial nos pequenos municipios. Emilio González salientou que este plan busca levar aos concellos de menor poboación servizos esenciais co obxectivo de “avanzar cara a transición ecolóxica, a conectividade dixital e, en definitiva, cara unha mellora da calidade de vida”.