José Miñones subliña a aposta do Goberno e de Correos por dinamizar o rural galego e facer fronte ao reto demográfico

24/08/2021

O delegado do Goberno e o presidente de Correos analizan os servizos da entidade en Galicia

Correos instala caixeiros automáticos en concellos sen entidades bancarias, como Samos, Cenlle e Cortegada

A oficina situada en Catoira é unha das sete primeiras dixitalizadas en España

O servizo dos carteiros do rural chegará ás catro provincias galegas unha vez culmine o proxecto piloto que se desenvolve en Lugo

José Miñones destaca o compromiso de Correos co Xacobeo, con numerosos servizos que facilitan a peregrinación


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe a aposta do Executivo e de Correos por dinamizar o rural galego e facer fronte ao reto demográfico. Expresouse así durante a xuntanza mantida co presidente de Correos, Juan Manuel Serrano, na sede da Delegación do Goberno.

José Miñones e Juan Manuel Serrano abordaron actuacións que permiten achegar a Administración á cidadanía e implementar servizos para o medio rural que axuden a impulsar a economía local e o acceso aos servizos públicos.

No encontro, o presidente de Correos e o delegado do Goberno trataron a realización de trámites administrativos nas oficinas coas que conta Correos no territorio autonómico, como o pago de tributos en municipios que asinaron convenio con Correos ou a admisión e  remisión de documentación a través de ORVE (Oficina de Rexistro Virtual).

O delegado do Goberno coñeceu os plans de Correos para dixitalizar as pequenas oficinas rurais e así ampliar os seus servizos, como a oficina da localidade pontevedresa de Catoira, que no pasado mes de xullo converteuse nunha das 7 primeiras de España en ser dixitalizadas.

Correos prevé tamén ampliar a outras provincias de Galicia o proxecto piloto que está a desenvolver en Lugo cos carteiros e carteiras rurais: prestan a domicilio servizos como o envío desde casa de paquetes, o pago de tributos ou a entrega de diñeiro en efectivo co servizo Correos Cash.

Outro dos temas da reunión foi a instalación de caixeiros automáticos en localidades que carecen de entidade bancaria: Correos prevé para os próximos meses ter tres operativos en Galicia, nas poboacións de Samos, Barbantes (Cenlle) e Cortegada.

XACOBEO

Na xuntanza tamén quedou patente o apoio de Correos ao Xacobeo. José Miñones destaca o compromiso de Correos co Camiño de Santiago, con numerosos servizos que facilitan as viaxes dos peregrinos.

Correos conta con 12 oficinas en Galicia con selo da credencial dixital, ubicadas nos camiños Francés, Inglés, Portugués, Primitivo, Vía da Prata e a Fisterra e Muxía, ademais da propia de Santiago. Alí, no final da ruta, conta cun servizo de consigna a dous minutos da catedral para que os peregrinos deixen as súas mochilas.

A entidade dispón de tres servizos específicos para os peregrinos. Son os servizos Mochila, Bicicleta e Peregrino. O primeiro serve para transportar as pertenzas, o segundo está vinculado á recollida da bicicleta onde o peregrino desexe empezar o Camiño e o terceiro está relacionado con outros elementos como envío de maletas.