José Miñones anima ás alcaldesas e alcaldes das cidades galegas a sumarse ao maior esforzo inversor da historia que promove o Plan de Recuperación do Goberno de España

03/09/2021

Subliñou que se trata “dun reto e unha oportunidade única que Galicia, e os concellos, deben aproveitar”

Reúnese coas alcaldesas da Coruña, Lugo e cos alcaldes de Santiago e de Ferrol para avanzar a primeira convocatoria de axudas destinadas á mellora da mobilidade modernización do transporte público e que dispón de 1.000 millóns de euros de orzamento

José Miñones reitera ás rexedoras e rexedores dos concellos galegos a disposición da Delegación do Goberno para avanzar e competir nas mellores condicións na captación dos fondos europeos

“O Goberno vai a financiar todas estas actuacións para transformar as cidades, loitar contra o cambio climático e facer a vida máis sinxela aos galegos e galegas


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou hoxe ás alcaldesas e alcaldes das cidades galegas a sumarse ao maior esforzo inversor da historia que promove o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Nunha reunión celebrada na Delegación do Goberno, José Miñones trasladou unha mensaxe de colaboración aos Concellos galegos para axudarlles a competir nas mellores condicións para a captación dos fondos do Mecanismo Europeo de Recuperación. Subliñou que se trata “dun reto e unha oportunidade única que Galicia, e os concellos, deben aproveitar”.

José Miñones reuniuse hoxe coas alcaldesas da Coruña, Inés Rey, e Lugo, Lara Méndez, e cos alcaldes de Santiago de Compostela, Xosé Bugallo, e de Ferrol, Ángel Mato, cos que analizou a convocatoria que mantén aberta o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para subvencionar unha mobilidade sostible e modernizar o servizos de transporte público: “A primeira reunión de moitas que en distintos formatos manteremos nos próximos meses para lograr o obxectivo de seguir facendo grandes cidades, ciudades modernas e sostibles”, engadiu o delegado.

Esta liña de axudas está dotada con 1.000 millóns de euros e o prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro. Con este investimento, o Goberno impulsará nas cidades as zonas de baixas emisións (ZBE), a transformación sostible do transporte público colectivo e a dixitalización da mobilidade: “O Goberno vai a financiar todas estas actuacións para transformar as cidades, loitar contra o cambio climático e facer a vida máis sinxela aos galegos e galegas”, apuntou.

O delegado lembrou que as subvencións contemplan financiar ata o 90% dos costes elexibles de cada proxecto e que os concellos poden presentar iniciativas que xa foron licitadas despois do 1 de febreiro do ano pasado.

José Miñones explicou que aínda que a convocatoria vai dirixida principalmente a municipios de máis de 50.000 habitantes e ás capitais de provincia, tamén pode beneficiar a municipios de máis de 20.000 habitantes que conten con servizos de transporte colectivo público. Tamén lembrou que para os concellos de menos de 5.000  ou ata 20.000 habitantes “xa está publicada outra liña de axudas, a DUS5000, para investimento en enerxia limpa e eficiencia enerxética”.

“Estamos a falar da primeira de moitas convocatorias”, porque “só o Ministerio de Transportes ten previsto investir nas cidades de España 13.000 millóns de euros para unha mobilidade sostible, para axenda urbana e para rehabilitación e conservación de vivenda”, concluíu o delegado.

Accións subvencionables

Os proxectos subvencionados deberán estar rematados antes do 21 de decembro de 2024 e contemplan un amplo abano de actuacións estruturadas en catro liñas:

a) Actuacións de implementación de zonas de baixas emisións. Esta liña inclúe, por exemplo, investimentos en controis semafóricos, sensores ou programas de recoñecemento de matrículas de residentes, entre outras iniciativas para afondar na xestión intelixente do tráfico.

b) Medidas destinadas ao fomento do cambio modal cara ao transporte público e impulso á mobilidade saudable. Recolle proxectos que faciliten a mobilidade activa, como a peonalización das rúas ou a creación de infraestruturas ciclistas e a habilitación de aparcamentos disuasorios.

c) Actuacións de transformación de frotas do transporte público mediante a compra de autobuses eléctricos ou impulsados por hidróxeno e a instalación de puntos de recarga, entre outros.

d) Actuacións de dixitalización dos servizos públicos de transporte que redunden nunha mellora da experiencia do usuario ou da accesibilidade no uso do transporte público colectivo, ou ben que contribúan á maior eficiencia na xestión do tráfico e do transporte e xestión da demanda, así como na análise de información.