María Rivas aposta pola educación como ferramenta na loita incansable fronte á violencia contra a muller

09/11/2021

Na provincia hai 1.800 casos activos no sistema VioGén: “Son 1.800 agresores que non teñen sitio na nosa sociedade”, censura

María Rivas constata o firme compromiso do Goberno para loitar contra a violencia sobre a muller

Tres centenares de alumnas e alumnos de cinco centros asisten a unha representación teatral para a sensibilización, a promoción da igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres

O Goberno vén de transferir en setembro 900.000 euros aos concellos da provincia para loitar fronte ao machismo


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, apostou hoxe pola educación como ferramenta na loita incansable fronte á violencia contra a muller. Expresouse así antes de asistir á representación teatral de #2PILGRIMS, a cargo da compañía Redrum Teatro e protagonizada por SheyLa Fariña e Guillermo Carbajo.

Á representación asistiron tres centenares de alumnas e alumnos de cinco IES coruñeses: Eusebio da Guarda, Agra do Orzán, Rafael Dieste, Fernando Wirz e Rosalía Mera. A actividade está enmarcada dentro da intensa programación da Delegación do Goberno con motivo da celebración do 25N e os obxectivos son a sensibilización, a promoción da igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres.

“Hoxe damos un paso máis na nosa loita incansable fronte á violencia contra a muller”, afirmou María Rivas. Cunha obra que mestura o Camiño de Santiago, a igualdade e as novas masculinidades, a meta é buscar na educación unha ferramenta fronte ao machismo.

“Un paso máis e un paso firme contra a violencia sobre a muller. Porque no Goberno consideramos que o labor educativo, en especial entre os mozos e as mozas, é fundamental. É unha peza clave para poder desterrar dunha vez por todas o machismo da nosa sociedade”, engadiu.

A subdelegada asegurou que non haberá descanso mentres existan vítimas só polo feito de ser mulleres. “Na provincia da Coruña temos 1.800 mulleres que son casos activos no sistema VioGén. Son 1.800 vítimas que debemos protexer, pero tamén son 1.800 agresores que non teñen sitio na nosa sociedade”, abundou.

O Goberno traballa arreo pola igualdade. Este mesmo ano xa transferiu á Xunta e aos concellos galegos máis de 12 millóns de euros. Os concellos da provincia da Coruña recibiron máis de 900.000 euros o pasado mes de setembro. “O compromiso do Goberno é total e debemos dicir, toda a sociedade, que xa abonda de machismo e xa abonda de violencia”, rematou.