O Goberno facilita a ocupación temporal da antiga escola de Enfermería para crear a Oficina de Emprego de Lugo, que será cofinanciada polo Estado


A subdelegada do Goberno anunciou que a Tesourería Xeral da Seguridade Social, que é a propietaria do Complexo do Hospital Xeral, autorizou a ocupación temporal da antiga escola de Enfermería para axilizar as obras

“Estamos a dar todas as facilidades para dotar de novos servizos ao barrio da Residencia, actuando coa máxima lealdade institucional e poñendo, como sempre facemos, os intereses dos veciños por riba de calquer outra consideración”, destacou Isabel Rodríguez

12-07-2019

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que o Executivo de Pedro Sánchez vén de autorizar á Xunta de Galicia a ocupación temporal da antiga escola de Enfermería de Lugo para transformala na nova Oficina de Emprego de Lugo, que será cofinanciada polas dúas administración.

A subdelegada remarcou que “desde o Goberno estamos a dar todas as facilidades para dotar de novos servizos ao barrio da Residencia, colaborando  nese obxectivo tanto co Concello de Lugo como coa Xunta de Galicia, actuando coa máxima lealdade institucional e poñendo, como sempre facemos, os intereses dos veciños por riba de calquer outra consideración”.

Rodríguez destacou que “desde o primeiro momento, este Goberno e eu mesma preocupámonos de axilizar todos os trámites administrativos necesarios para a creación de novas infraestruturas na zona, ás que lle demos a máxima prioridade”.

“Colaboramos, tanto axilizando a tramitación como coa cesión das instalacións, que, como todo o mundo sabe, son propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, e mesmo con importantes achegas económicas como a destinada á creación da nova Oficina central  de Emprego de Lugo”, explicou.

A subdelegada anunciou que a Tesourería Xeral da Seguridade Social, que é a propietaria da totalidade dos terreos ocupados polo antigo Complexo do Hospital Xeral de Lugo, autorizou esta semana a ocupación temporal da antiga escola de Enfermería, coa finalidade de facilitar o comezo das obras antes de que se produza a formalización do documento de cesión.

A autorización dada polo director xeral da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Javier Aibar, prodúcese logo de que este mesmo órgano aceptara a retrocesión por parte da Xunta do edificio denominado Escola Universitaria de Enfermería, actualmente Pavillón administrativo ou Unidade de Saúde Mental.  

O permiso do Goberno para a ocupación temporal do edificio prodúcese a petición da Xunta de Galicia. O Consello da Xunta aprobou o 2 de maio a retrocesión do inmoble á Tesourería Xeral da Seguridade Social, que a aceptou con data 12 de xuño. Ademais, a administración autonómica solicitou a cesión do mesmo inmoble para destinalo a Servizo Público de Emprego, e, mentres se tramita esa cesión, pediu autorización de ocupación temporal do inmoble para realizar as obras.