José Miñones agradece o compromiso e esforzo do cadro de persoal da Subdelegación do Goberno na Coruña durante os momentos críticos da pandemia e na actualidade

José Miñones agradece o compromiso e esforzo do cadro de persoal da Subdelegación do Goberno na Coruña durante os momentos críticos da pandemia e na actualidade

01/06/2021

Acompañado pola subdelegada, Pilar López-Rioboo, o delegado mantivo un encontro de traballo cos responsables das distintas áreas

Na sede da Avenida da Marina actualmente traballan preto de 60 persoas distribuídas en distintas unidades


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, agradeceu hoxe o compromiso e esforzo do cadro de persoal da Subdelegación do Goberno na Coruña durante os momentos críticos da pandemia e na actualidade, coas necesidades especiais derivadas da COVID-19.

José Miñones estivo nas instalacións da Subdelegación do Goberno na Coruña na Avenida da Marina, acompañado pola súa titular, Pilar López-Rioboo. Alí interesouse polos distintos servizos que prestan neste edificio entre os que están o Rexistro, a área de Traballo e Inmigración, a oficina de Extranxeiría da provincia, os servizos xurídicos, a área de Atención e Información á Cidadanía ou a oficina de Violencia sobre a Muller. Nestes momentos están destinados nestas instalacións preto de 60 persoas, que “desenvolven un traballo directo coa cidadanía en áreas sensibles como a relación coa Administración do Estado, os permisos de traballo e residencia, a comunicación de mobilizacións e manifestacións e a tramitación de distintos procedementos sancionadores”, lembrou o delegado.

O delegado do Goberno mantivo un encontro de traballo cos responsables das distintas áreas. Constatou o especial esforzo realizado polo cadro de persoal, que foi un sector esencial durante os momentos críticos da pandemia e continúa cunha dinámica similar na fase de recuperación.

Sobre todo, agradeceulles o esforzo por seguir prestando a mesma atención á cidadanía nos meses máis duros da pandemia mediante o sistema de teletraballo e a progresiva reincorporación presencial cos cambios que se adoptaron en tódalas oficinas de atención ao público, físicos e de petición de cita previa.