María Rivas subliña a importancia do labor da Capitanía Marítima de Ferrol con máis de 2.000 despachos mercantes e pesqueiros durante o ano pasado

María Rivas subliña a importancia do labor da Capitanía Marítima de Ferrol con máis de 2.000 despachos mercantes e pesqueiros durante o ano pasado

30/03/2022

A Capitanía ten un papel crucial na seguridade marítima e na cualificación profesional das tripulacións

Durante o ano pasado tramitou preto de 3.000 enroles e *desenroles en Ferrol

María Rivas agradece o traballo dos profesionais da Capitanía Marítima de Ferrol, dependente do Ministerio de Transportes

A institución coordina a actividade marítima desde a ría de Ares ata Mañón, con 350 quilómetros de liña de costa


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou hoxe a importancia do labor da Capitanía Marítima de Ferrol, que o ano pasado despachou 2.030 mercantes e pesqueiros. Así o explicou durante unha visita ás instalacións, na que mantivo unha reunión de traballo co capitán marítimo, Jorge Cao.

Acompañada pola directora de Protección Civil da Delegación do Goberno en Galicia, María Dores Gómez, e pola directora da área de Fomento, Ana Quintairos,  María Rivas tivo a oportunidade de supervisar o traballo da Capitanía Marítima de Ferrol, que depende do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A subdelegada explicou que esta institución coordina a actividade marítima desde Punta *Carboeira, na ría de Ares, ata Estaca de Bares, en Mañón, con 350 quilómetros de liña de costa. Inclúe o porto de Ferrol e os portos autonómicos de Espasante, Cariño, Cedeira, Mugardos, Ares e Pontedeume.

Dentro da súa actividade do ano pasado, tramitou o despacho de 2.030 buques mercantes e pesqueiros, así como 2.706 enroles e *desenroles. En canto a titulacións, sumou 941 trámites e instruíu, no marco da súa actividade, 75 expedientes sancionadores que finalizaron en denuncia.

María Rivas detallou que a Capitanía Marítima é a encargada de todo o relacionado coa seguridade marítima, desde a autorización de entrada en augas xurisdicionais, designación de zonas de fondeo, determinación das manobras dos buques que porten mercadorías perigosas ou presenten condicións excepcionais, entre outras, ata a dirección dos incidentes e accidentes marítimos relacionados coas operacións de salvamento.

Tamén é a institución que xestiona a cualificación profesional das tripulacións, que xunto aos certificados das embarcacións permiten realizar o despacho de saída ao mar en condicións de seguridade.

Conta cun rexistro de buques onde se anotan e inscriben definitivamente desde o momento que empeza a súa construción ata o último asento, no que figuran tanto propietarios ou fretadores como as obras de reforma ou calquera outra vicisitude.

A Capitanía Marítima tamén ten un papel crucial nas operacións de loita contra a contaminación do medio mariño, salvo nos portos, que corresponde ás Autoridades Portuarias, e nas inspeccións programadas e non programadas aos buques nacionais co obxecto de expedir, referendar ou renovar os certificados de seguridade, entre outras cuestións. De feito, o ano pasado realizou 461 trámites en materia de inspección.