As sancións por consumo de alcohol e drogas descenden un 42% durante o primeiro trimestre de 2021 na provincia de Ourense

As sancións por consumo de alcohol e drogas descenden un 42% durante o primeiro trimestre de 2021 na provincia de Ourense

13/04/2021

O subdelegado do Goberno advirte de que dous dos tres condutores de turismo ou furgoneta falecidos na provincia en 2021 non facían uso do cinto de seguridade

As sancións polo uso do móbil durante o primeiro trimestre de 2021 ascenden a 244, un 128% máis que no mesmo período de 2020


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo un encontro esta mañá co xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente, e co capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Isaac de Toro, para facer balance dos datos de tráfico na provincia durante o primeiro trimestre de 2021.

Durante a xuntanza púxose de manifesto que entre os meses de xaneiro e marzo de 2021 as sancións por condución baixo os efectos do alcohol e por consumo de drogas reducíronse nun 42,6% na provincia de Ourense, descenso motivado especialmente polas restricións decretadas no sector da hostalaría e pola limitación de mobilidade no horario nocturno. No primeiro trimestre de 2020 impuxéranse un total de 605 sancións por consumo de alcohol e drogas, supoñendo a perda de 3.014 puntos, mentres que no mesmo período de 2021 a cifra reduciuse ata as 347 sancións coa perda de 1.754 puntos.

Sen embargo, as sancións por exceso de velocidade presentan unha tendencia á alza, pasando de 712  sancións e 1.712 puntos detraídos no primeiro trimestre de 2020 a 950 sancións e 2.240 puntos detraídos no primeiro trimestre de 2021.

O subdelegado do Goberno advertiu de que dous dos tres condutores de turismo ou furgoneta que perderon a vida durante o primeiro trimestre deste ano na provincia de Ourense non facían uso do cinto de seguridade. Emilio González, subliñou que “hai que seguir insistindo na necesidade de que condutores e acompañantes usen este sistema de seguridade, posto que levar a cabo este xesto tan simple supón un seguro de vida”. 

O xefe provincial da DXT, David Llorente, sinalou que durante ese período impuxéronse un total de 194 sancións por non usar ou usar inadecuadamente o cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil, o que supuxo a perda de 582 puntos. A sanción por cometer esta infracción ascende a 200 euros e leva aparellada a retirada de tres puntos do permiso de condución, pero o proxecto de modificación da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Vial incrementará a catro puntos esta sanción.

Así mesmo, na reunión púxose de manifesto o aumento durante o primeiro trimestre de 2021 do número de sancións polo uso do móbil, que ascendeu a 244 sancións coa perda de 732 puntos. Estas cifras representan un incremento do 128% con respecto ao mesmo período do ano 2020, cando se impuxeron 107 sancións coa perda de 321 puntos. O subdelegado do Goberno indicou que o cambio proposto no proxecto de modificación da Lei sobre Tráfico eleva de tres a seis puntos a sanción polo uso de teléfonos móbiles, bastando o feito de suxeitalo para ser sancionado. "O seu uso durante a condución multiplica por catro o risco de sufrir un accidente", sinalou Emilio González.

O capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Isaac de Toro, tamén deu a coñecer o número de accidentes que se produciron nas estradas provinciais debido á presenza de animais nas vías públicas. Así, entre xaneiro e marzo de 2021 producíronse un total de 368 accidentes con animais que rexistraron danos no vehículo, cifra similar á do mesmo período de 2020, cando se rexistraron un total de 391.

Por último, o subdelegado do Goberno quixo facer un “chamamento á prudencia e á responsabilidade na estrada”, así como agradecer o esforzo e o traballo levados a cabo polos efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, “xa que velan as 24 horas do día pola seguridade das nosas vías”.