Maica Larriba asiste ao exercicio de seguridade marítima MARSEC-21

Maica Larriba asiste ao exercicio de seguridade marítima MARSEC-21

19/05/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asistiu esta mañá ao exercicio avanzado de seguridade marítima MARSEC-21, conducido pola Armada Española e que tivo lugar nas augas internacionais do Miño. O capitán da Comandancia Naval do Miño, Juan Díaz Rodríguez, acompañou á subdelegada na súa visita ao operativo. Estaban presentes tamén o seu homólogo portugués, Pedro Jorge, o capitán marítimo en funcións de Vigo, Pablo Pedro, o capitán de navío ao mando dos patrulleiros de vixilancia marítima, Ramón Fernández, a concelleira de Urbanismo, Facenda e Parques e Xardíns de Tui, Yolanda Rodríguez, así como outras autoridades.

O exercicio MARSEC-21 é un exercicio avanzado de seguridade marítima conducido pola Armada España que se está a desenvolver durante o día de hoxe e de mañá no tramo internacional do Río Miño á altura do Paseo Fluvial de Tui.

O simulacro conta coa participación da Comandancia Naval do Miño, o patrulleiro Cabo Fradera, a Unidade de Buceo de Ferrol, a Axencia Galega de Emerxencias, o grupo 43 do Exército do Aire, o parque comarcal de Bombeiros do Baixo Miño, Protección Civil de Tui, Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, técnicos de Costas do Estado e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Así mesmo, tamén participa a Autoridade Marítima portuguesa e as agrupacións de Bombeiros Voluntarios de Valença e de Vila Nova de Cerveira.

En total, 75 persoas, 10 embarcacións e un helicóptero participaron nas manobras do día de hoxe que recrearon o accidente e afundimento dunha embarcación e a desaparición dos seus ocupantes. Un deles quedou atrapado a bordo e tivo que ser rescatado polos submarinistas da Armada española e da Autoridade Marítima portuguesa e os outros dous tripulantes, arrastrados pola corrente do río, foron rescatados posteriormente polos membros das diferentes embarcacións e o helicóptero de salvamento.

O obxectivo principal do operativo é mellorar a coordinación entre as unidades da Armada e os organismos gobernamentais e non gobernamentais con responsabilidade ou relacionados coa Acción do Estado no Mar e a seguridade marítima.

MARSEC 2021

As Forzas de Acción Marítima (FAM) realizan anualmente unha serie de exercicios denominados MARSEC (Maritime Security) coa finalizada de fomentar o coñecemento mutuo e a mellora entre os diferentes organismos e axencias implicadas na Acción do Estado no Mar.

No presente ano, o MARSEC desenvólvese en trece escenarios distribuídos por todo o territorio nacional entre os días 17 e 28 de maio. Polo seu carácter fronteirizo, o de Tui é o único escenario internacional e que esixe a implicación de medios estranxeiros..