José Miñones rende homenaxe aos homes e mulleres que loitan dende o aire contra os incendios forestais en Galicia

José Miñones rende homenaxe aos homes e mulleres que loitan dende o aire contra os incendios forestais en Galicia

21/05/2021

O delegado lembra que os lumes forestais queimaron máis de 107.000 hectáreas na Comunidade nos últimos cinco anos

Os hidroavións do Goberno efectuaron neste periodo 2.200 intervenciones en Galicia que se traduciron en 5.700 horas de voo loitando contra o lume

A Delegación do Goberno en Galicia elevou ao Ministerio do Interior a petición das condecoracións de Protección Civil para os pilotos salmantino e portugués accidentados na Serra do Xurés en agosto de 2020


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, rendeu hoxe unha homenaxe aos homes e mulleres que, cada ano, loitan dende o aire contra os incendios forestais en Galicia. Na base aérea de Matacán, en Salamanca, o delegado sinalou que a colaboración dos hidroavións do Goberno co dispositivo de extinción de incendios forestais da Xunta traduciuse nos últimos cinco anos en 2.200 intervencións, que significaron 5.700 horas de voo completas “o que supón 237 días de voo sen aterrar”.

José Miñones apuntou que dende 2015 os incendios forestais queimaron máis de 106.000 hectáreas de Galicia, o 25% do total de hectáreas queimadas en España neste periodo, en máis de 10.000 incendios: “Unha media de cinco incendios cada día do ano, que seguen costando montes calcinados, casas e granxas afectadas e, por veces, vidas perdidas”, relatou.

O delegado fixo esta reflexión durante o acto de entrega da Medalla ao Mérito da Protección Civil ao piloto salmantino Maximiliano Plaza, integrante da tripulación do avión que en agosto do ano pasado sufriu un accidente aéreo mentres participaba nas tarefas de extinción dun incendio no concello ourensano de Lobios. No acto tamén participou o delegado do Goberno en Castela e León, Javier Izquierdo, e a subdelegada do Goberno en Salamanca, Encarnación Pérez. A medalla foi recollida polos familiares do piloto salmantino xa que Maxiliano Plaza faleceu en setembro do pasado ano 2020.

Proposta da Delegación do Goberno en Galicia

A Delegación do Goberno en Galicia, a través do entón delegado Javier Losada, foi a que propuxo ao Ministerio do Interior distinguir con esta conderación aos dous pilotos. Tras analizar a documentación, o ministro do Interior concedeu a medalla ao Mérito da Protección Civil, na súa categoría de ouro con distintivo vermello, aos dous integrantes do dispositivo aéreo, un distintivo que “distingue precisamente o heroísmo e a solidariedade na súa máxima expresión”, lembrou o delegado do Goberno.

O incendio no que se produciu o accidente rexistrouse na fronteira entre España e Portugal, na Serra do Xurés, entre os días 8 e 9 de agosto de 2020. Maximiliano Plaza, de 38 anos, formaba parte da tripulación do avión anfibio Canadair do dispositivo de extinción de incendios de Portugal que colaboraba na extinción.  

No mesmo sinistro faleceu o comandante da aeronave, Jorge Manuel Santana, de nacionalidade portuguesa, mentres que o compañeiro español resultaba ferido de gravidade, posteriormente faleceu e hoxe foi reconocido.

Declaracións do delegado do Goberno (MP3 · 4,17 MB)