Isabel Rodríguez felicítase porque Lugo é a primeira provincia de España que dispón da tecnoloxía 5G de asistencia á condución nun túnel

Isabel Rodríguez felicítase porque Lugo é a primeira provincia de España que dispón da tecnoloxía 5G de asistencia á condución nun túnel

26/05/2021

A subdelegada destaca a aposta do Goberno pola provincia de Lugo, co apoio a medidas innovadoras por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e tamén agradeceu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a rápida tramitación do proxecto para arranxar danos na A-6 e a A-8 polos temporais dos últimos meses

O túnel intelixente do Cereixal pon a proba o uso da tecnoloxía 5G para desenvolver a chamada “estrada intelixente”, que serve para que os condutores dispoñan de información actualizada sobre as condicións da vía pola que circulan

A iniciativa, deseñada por Telefónica, Nokia e Stellantis, é un dos 8 casos seleccionados na primeira convocatoria do Proxecto Pilotos 5G en Galicia, que conta con financiamento do Goberno, a través de Red.es


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, felicitouse porque Lugo é a primeira provincia de España que ten a oportunidade de poñer a proba o uso da tecnoloxía 5G para asistir aos condutores nun túnel, o do Cereixal, que forma parte da rede de Estradas do Estado na provincia, grazas a decidida aposta do Goberno pola innovación e a experimentación de novas oportunidades no campo da tecnoloxía “para que España e Galicia non perdan o tren da tecnoloxía 5G, que vai ser determinante no futuro, pois será un dos motores da dixitalización, como recollen a Axenda España Dixital 2025 e o Plan de Recuperación, Transformación e  Resiliencia”.

Isabel Rodríguez, que destacou “o compromiso, do Goberno, unha vez máis coa provincia de Lugo”, participou hoxe, en Becerrá, na presentación do proxecto de asistencia á condución implementado no túnel do Cereixal, da A-6, una iniciativa apoiada economicamente polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través de Red.es, na que colaboraron Telefónica, Nokia, Stellantis, Ineco, CTAG e SICE. O acto tivo lugar na Casa da Cultura de Becerreá e contou coa participación do alcalde, Manuel Martínez, e o director de Sociedade Dixital de Amtega, Miguel Rodríguez e do deputado provincial de Promoción Económica, Pablo Rivera. A presentación correu a cargo da xerente de Innovación Telefónica España, Mercedes Fernández; o accout manager de Nokia, Emilio Navarro, e o responsable de Innovación de Stellanis na península Ibérica, Laudelio Laiz. Estiveron presentes, tamén, os responsables de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco García Vieira e María Fernández Rancaño, e o xefe da Demarcación de Estradas en Galicia, Ángel González del Río, e o xefe do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez.

A subdelegada do Goberno tamén agradeceu ao Mitma a urxencia coa que tramitou unha actuación, que comeza hoxe, para reparar os firmes deteriorados polos temporais do pasado inverno, en Becerreá e outros concellos da zona, traballos que se realizarán tanto na A-6 como na A-8 e que suporán un investimento de 600.000€.

“Así pois, estamos hoxe de noraboa por partida doble, porque tamén temos en Becerreá o ‘primeiro túnel intelixente’ de España que envía información de utilidade aos condutores sobre circunstancias meteorolóxicas ou posibles riscos que poidan atoparse e é un orgullo que estea situado na nosa provincia”, manifestou Rodríguez. Tamén destacou a subdelegada que “este é un bo exemplo de política pública que transforma un país, pero tamén o é da importancia da colaboración público-privada, que resulta clave cando se trata de poñer a tecnoloxía ao servizo da cidadanía.

PROXECTO PILOTO 5G EN GALICIA APADRIÑADO POLO GOBERNO

O do Cereixal é un dos 8 casos do “Proxecto Piloto 5G” en Galicia. Ese proxecto foi seleccionado na primeira convocatoria de Pilotos 5G que lanzou o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través de Red.es.

En total, o Ministerio realizou xa 2 convocatorias cun orzamento agregado que supera os 80 M€, cofinanciados con fondos FEDER, e que supoñerán, en total, 10 proxectos con máis de 120 casos, que se desenvolverán en 8 comunidades autónomas, e en 16 sectores diferentes en ámbitos tan diversos como a educación, a saúde, a industria, a agricultura ou o turismo, transformando con iso nosas vidas.

O proxecto “Piloto 5G en Galicia” ten un orzamento de máis de 11 M€ dos que máis de 4 M€ son financiados por Red.es a cargo do FEDER.

Para levalos a cabo está a despregarse unha rede 5G en varios puntos das catro provincias galegas. Concretamente, ademais do túnel do Cereixal, trátase dos pavillóns de Navantia en Ferrol, as instalacións do  RC Deportivo da Coruña no estadio de Riazor, Abegondo, no núcleo urbano de Vigo e nas estacións de Peares  EB, situada no municipio de Nogueira de Ramuín, e Cortegada  EB, situada no municipio de Ourense.

Todos os proxectos adxudicados polo Ministerio permitirán a España seguir liderando o despregamento de redes 5 G a nivel europeo, pois somos o país onde existe un maior número de pilotos.

Os proxectos piloto naceron para atender os seguintes obxectivos:

-        apoiar os despregamentos das primeiras redes 5 G

-        experimentar coas técnicas de xestión de rede que permite a tecnoloxía 5 G

-        desenvolver casos de uso, coa implicación de todos os axentes, incluíndo os usuarios.

Todo iso coa finalidade de explotar as tres grandes melloras que nos vai achegar esta tecnoloxía:

-        banda ancha móbil de moi alta velocidade e capacidade

-        comunicacións ultra fiables e de baixa  latencia

-        comunicacións masivas máquina a máquina.

Declaracións da subdelegada do Goberno (MP3 · 1,26 MB)