A subdelegada preside a Xunta Local de Seguridade do Concello de Baiona xunto ao seu alcalde

A subdelegada preside a Xunta Local de Seguridade do Concello de Baiona xunto ao seu alcalde

21/06/2021

A subdelegada destaca que a  cifra de criminalidade do municipio e moi inferior á da provincia, o que converte a “Baiona nunha localidade moi segura”

A subdelegada de  Goberno, Maica Larriba, presidiu hoxe xunto ao alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a Xunta Local de Seguridade desta localidade. Na reunión tamén estiveron presentes o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e o xefe da Policía Local.

Segundo os datos proporcionados polos responsables policiais durante a reunión, durante os cinco primeiros meses do ano o municipio experimentou un descenso moi acusado dos delitos graves, tanto contra o patrimonio, que baixaron nun 37 %, como contra as persoas, que se reduciron nun 75 % con respecto ao mesmo período do ano 2019. Neste sentido, a subdelegada explicou que “a comparación interanual de todos os datos analizados realizouse con respecto ao ano 2019, xa que o 2020 foi un ano atípico debido á pandemia e ao confinamento domiciliario, que alterou as cifras habituais”.

Así mesmo, os delitos leves contra o patrimonio, tales como o furto ou os roubos, reducíronse nun 20 % durante os cinco primeiros meses de 2021.

Larriba subliñou tamén que as infraccións penais rexistradas no municipio están nunhas cifras moi similares á doutros anos. Ademais destacou que a cifra de criminalidade na zona mantense nun 8,9 %, un número moi inferior á media da provincia. Neste sentido, sinalou que “Baiona é un municipio moi seguro, a pesar da gran afluencia de xente que rexistra na temporada estival”.

Durante a reunión, Larriba adiantou tamén que o posto de Baiona “verase reforzado durante todo o verán, seguindo á instrución do Plan Turismo Seguro do Ministerio de Interior, xa que se agarda un aumento de turistas e de persoas que van e veñen á localidade no día”.

A este respecto, a subdelegada explicou a importancia de que as Forzas e Corpos de Seguridade “teñan unha presenza visible naquelas zonas onde a concentración de persoas e máis habitual”. Para tal fin, existirá unha colaboración total entre a Policía Local e a Garda Civil, incluso levando a cabo tarefas de vixilancia conxunta, sobre todo nos fines de semana, que é cando se rexistra unha maior afluencia de persoas.

Larriba sinalou tamén que se intensificará a vixilancia do tráfico, reforzando a presenza de axentes nas estradas. Por último, a subdelegada informou de que a Garda Civil contará cunha furgoneta móbil que prestará atención cidadá en toda a comarca, e en especial, aos peregrinos que realicen o Camiño de Santiago pola costa.