A Comisaría Provincial da Policía Nacional convértese en centro oficial de selado de credenciais do Camiño de Santiago

 Presentación "Protexemos o Camiño: Ano Xubilar 2021-2022" en Ourense

29/07/2021

O subdelegado do Goberno en Ourense e o comisario xefe de Operacións da Policía Nacional presentan o proxecto “Protexemos o Camiño: Ano Xubilar 2021-2022” na provincia.

A Delegación de Participación Cidadá da Comisaría Provincial proporciona información a través de dípticos e charlas nos albergues e oficinas de turismo da provincia, así como nos locais comerciais e de ocio situados na Vía da Prata ao seu paso polo concello de Ourense.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presentou esta mañá xunto co comisario xefe de Operacións, Eduardo Gutiérrez, o proxecto "Protexemos o Camiño: Ano Xubilar 2021-2022", o dispositivo de seguridade da Policía Nacional para garantir a seguridade dos peregrinos e dos turistas que percorren as diferentes etapas do Camiño de Santiago. O acto tivo lugar na explanada da Comisaría Provincial de Ourense.

O subdelegado do Goberno sinalou que o Plan de Seguridade “Protexemos o Camiño: Ano Xubilar 2021-2022” pretende previr e reducir a delincuencia nos distintos roteiros xacobeos que atravesan cidades e localidades onde a Policía Nacional ten competencia.

"O Goberno de España traballa co obxectivo principal de dar seguridade en todas as rutas aos peregrinos e axudar na recuperación do Camiño de Santiago. Neste dispositivo dáse moita importancia á información e á comunicación cos usuarios do Camiño e, por iso, a partir de agora, nestas dependencias da Policía Nacional existirá a figura do policía como punto de contacto co peregrino", sinalou González  Afonso.

O comisario xefe de Operacións destacou que outra das novidades que incorpora o proxecto “Protexemos o Camiño” é que a Comisaría Provincial da Policía Nacional en Ourense convértese en centro oficial de selado de credenciais, requisito necesario para os peregrinos que desexen pernoctar nos albergues e para obter “a Compostela" unha vez completada a ruta coa súa chegada á catedral.

INFORMACIÓN AO PEREGRINO

A Delegación de Participación Cidadá da Comisaría Provincial da Policía Nacional desenvolverá unha serie de accións enmarcadas no protocolo asinado entre a Dirección Xeral da Policía e a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño. Estes policías serán os encargados de fomentar a difusión e a protección do Camiño, de colaborar coas institucións e organismos implicados, de organizar actividades de promoción e, por último, de difundir información e consellos para percorrer con seguridade os distintos traxectos.

Así, a Delegación de Participación Cidadá, en colaboración coa Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe–Viaplata Ourense, realiza estas tarefas de prevención e información a través de dípticos e charlas nos albergues e oficinas de turismo da provincia, así como nos locais comerciais e de ocio situados na Vía da Prata ao seu paso polo concello de Ourense.

O material divulgativo inclúe un código QR para un rápido acceso ao espazo dedicado na páxina web da Policía Nacional, www.policia.es, co fin de favorecer un ano xubilar seguro. Nel, os peregrinos poderán atopar consellos de seguridade ao peregrino, xeolocalización da comisaría máis próxima, os puntos de selado agrupados por camiño e, mesmo, a posibilidade de descargar a cartilla de selado.