Isabel Rodríguez reúnese coas forzas de seguridade para coordinar os dispositivos que actúan na provincia en cumprimento das novas restricións

29/07/2021

A subdelegada do Goberno anuncia especial vixilancia nos concellos da provincia que pasan a ter restricións de nivel máximo e alto

A Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 585 controis na última semana e elevaron 76 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión coas forzas e corpos de seguridade para estudar os dispositivos que se porán en marcha na provincia en cumprimento das novas restricións establecidas polas autoridades sanitarias contra a pandemia do coronavirus. Na xuntanza de coordinación policial, celebrada a última hora da mañá na Subdelegación do Goberno, tomaron parte mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, así como representantes de Protección Civil e da Subdelegación.

 

Isabel Rodríguez informou de que as forzas de seguridade continuarán traballando de xeito coordinado para velar polo cumprimento da normativa establecida polas autoridades sanitarias para os distintos concellos da provincia.

A subdelegada anunciou que se reforzarán especialmente os controis naqueles concellos da provincia que están en niveis máximo e alto.

 

Na xuntanza tamén se fixo balance dos controis realizados na última semana. A subdelegada detallou que, entre os días 22 e 28, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 585 controis, coa participación de 1.144 axentes. Ademais, realizáronse 476 inspeccións en establecementos de hostalería. En total, foron identificadas 6.5672 persoas e controláronse 5.546 vehículos. Froito destes controis, eleváronse 76 propostas de sanción.