Ponteareas subscribe o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

Ponteareas subscribe o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

15/09/2021

Maica Larriba presidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de Ponteareas, que se converteu no décimo terceiro municipio da provincia en unirse ao Sistema VioGén de protección das vítimas de violencia de xénero.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Ponteareas na que se subscribiu o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero. O protocolo de colaboración, necesario para formalizar a adhesión do municipio ao Sistema VioGén, foi asinado pola alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e o coronel xefe accidental da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Touceda.

Ponteareas convértese así no decimo terceiro concello da provincia en formar parte deste programa de protección de vítimas de violencia de xénero do Ministerio do Interior. A firma do protocolo é o primeiro trámite e fundamental, que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen integrarse no Sistema VioGén. O protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade. Larriba destacou a importancia deste documento, que permite que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”.

En particular, o protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que “permite sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas", recalcou Larriba.

Neste sentido, Maica Larriba agradeceu “o compromiso amosado polo Concello de Ponteareas e do seu equipo de Goberno ao firmar este protocolo na loita contra a violencia de xénero, unha das eivas máis importantes á que lle debe facer fronte a sociedade actual e contra a cal as Administracións debemos actuar de maneira coordinada, sen escatimar en recursos e esforzos”. A subdelegada quixo lembrar tamén “o fundamental labor que desenvolve a Garda Civil na protección e asistencia a todas as mulleres vítimas de malos tratos neste concello e na provincia”.

Do mesmo xeito, Larriba subliñou “o firme compromiso do actual Goberno de España e desta Subdelegación coa erradicación de calquera forma de violencia contra a muller” e para iso quixo poñer, “unha vez máis, todos os recursos que ten o Estado para loitar contra esta lacra a disposición de todos os Concellos da provincia”.

A subdelegada informou que na actualidade, e segundo os datos recollidos no Sistema VioGén, en Ponteareas contabilízanse a día de hoxe 58 casos activos de violencia de xénero. Esta cifra supón case o 5 % dos casos activos na provincia de Pontevedra e o 54 % dos casos activos en todo o partido xudicial.. O 65 % das vítimas da localidade ten menos de 45 anos

Para completar a súa adhesión ao Sistema VioGén, o Concello deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral en casos de violencia de xénero.

O Sistema VioGén

O Sistema VioGén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o  seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos.

O Sistema tamén realiza predicións do risco de calquera vítima e, en función dese nivel, efectúa un seguimento e protección adecuado da muller que se trate en todo o territorio nacional. VioGén desenvolve ademais un labor preventivo con avisos, alertas e alarmas cando se detecta algunha incidencia ou acontecemento que pode poñer en risco a integridade da vítima.