María Rivas avanza co Concello de Carral para mellorar a súa cobertura de internet nas vindeiras convocatorias do Goberno

María Rivas avanza co Concello de Carral para mellorar a súa cobertura de internet nas vindeiras convocatorias do Goberno

15/01/2022

A subdelegada do Goberno repasa a inclusión de preto dun centenar de núcleos nos plans de conectividade dos últimos anos

A subdelegada analiza co xefe provincial de Telecomunicacións e os concelleiros de Economía e Obras de Carral os problemas de conectividade en determinados puntos do concello

María Rivas compromete o traballo conxunto co Concello para a súa presentación nas novas convocatorias

O Goberno impulsa na actualidade ÚNICO-Banda Ancha, o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión

A xuntanza entre a Subdelegación e o Goberno local foi positiva, cun bo clima de colaboración institucional


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, avanzou co Concello de Carral para mellorar a súa cobertura de internet nas vindeiras convocatorias do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Fíxoo nunha xuntanza na que participaron o xefe provincial de Telecomunicacións, Enrique Fernández, e, por parte do Concello, a concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, Susana Guimarey, e o concelleiro de Obras, Servizos, Medio Ambiente e Protección Civil, Rubén Caamaño.

Nunha xuntanza positiva, cun bo clima de colaboración institucional, a subdelegada repasou a inclusión de preto dun centenar de núcleos nos plans de conectividade dos últimos anos. O Programa de Extensión da Banda Ancha  de Nova Xeración (PEBA-NGA) sumou núcleos de Carral nos anos 2018, 2019 e 2020.

A subdelegada analizou co xefe provincial de Telecomunicacións e os concelleiros de Economía e Obras de Carral os problemas de conectividade en determinados puntos do concello. Por iso acordaron un plan de traballo con colaboración para mellorar o estado actual da conectividade.

A Subdelegación do Goberno traballará de forma conxunta co Concello para que este poida presentarse ás novas convocatorias de programas. Neste momento, o Executivo impulsa ÚNICO-Banda Ancha, o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión.

María Rivas informou aos concelleiros de que este plan busca ser o vector da vertebración territorial e a cohesión social, como marco para outras convocatorias e solucións coas que se completará a universalización do acceso á banda ancha ultrarrápida en todo o territorio. A meta final é aumentar o benestar e a calidade de vida da cidadanía.