Maica Larriba subliña a aposta do Goberno por aumentar a capacidade de actuación da Garda Civil en todo o territorio

Visita da subdelegada do Goberno ao cuartel de Fornelos de Montes

10/02/2022

A subdelegada do Goberno lembrou que a provincia recibirá 3,6 millóns do Plan de Recuperación para a mellora das instalacións da Garda Civil, da Policía e do Centro Penitenciario da Lama.


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou hoxe durante unha visita ao cuartel da Garda Civil de Fornelos de Montes, que realizou na compaña do coronel xefe de Pontevedra, Simón Venzal, a aposta firme do Goberno de España por aumentar a capacidade de actuación da Garda Civil en todo o territorio no marco das políticas para frear a despoboación e fronte o reto demográfico. A subdelegada do Goberno estivo reuniuse co alcalde do municipio pontevedrés, Emiliano Lage, a quen lle trasladou o compromiso do Executivo por fixar a presenza da Garda Civil nos pequenos concellos do rural. No encontro, o rexedor trasladou pequenas demandas cidadás en materia de seguridade e a Comandancia comprometeuse a reducir os tempos de reacción da Garda Civil no termo municipal.

Durante a visita Maica Larriba avanzou os datos relativos a infraccións penais en Fornelos de Montes, contabilizándose 55 durante o ano 2021, dos que a inmensa maioría (88%) foron ciberdelitos. Ante o crecemento xeralizado deste tipo de infraccións, acordouse o impulso por parte da Garda Civil de accións formativas dirixidas á cidadanía do municipio co obxecto de previr a ciberdelincuencia.

A subdelegada do Goberno incidiu en que “un dos retos principais do Instituto Armando é o de manter unha presenza eficaz por todo o territorio que se axuste ás necesidades de cada cidadán para apuntalar a seguridade e, polo tanto, a prosperidade das zonas rurais”. Con este obxectivo, Maica Larriba recordou que no último ano o Goberno convocou 2.100 novas prazas para o corpo da Garda Civil, cunha taxa de reposición do 115%. “Sabemos que queda moito por facer, pero seguiremos traballando nesta liña porque hoxe en día non hai alcalde que non queira ter un cuartel na súa localidade”, indicou a subdelegada do Goberno.

Así mesmo, Maica Larriba agradeceu o traballo inxente da Garda Civil de Fornelos de Montes “para que esta zona continúe entre as máis seguras da provincia” e destacou que “o seu labor é esencial para vertebrar o territorio”.

Mellora de instalacións

A subdelegada do Goberno aproveitou a súa visita ao cuartel de Fornelos de Montes para recordar que o Goberno realizará un investimento de 3.641.506 euros na provincia de Pontevedra procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para mellorar as instalacións da Garda Civil, da Policía e do Centro Penitenciario da Lama.

Estas actuacións levaranse a cabo en base ao acordo subscrito entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o Ministerio do Interior e afectarán a 5 instalacións. As casas cuartel do Porriño e de Lalín recibirán, respectivamente, 1,79 e 1,19 millóns de euros para actuacións de illamento exterior, cambio de fiestras, mellora da iluminación e instalación de paneis solares. Doutra banda, a comisaría da Policía Local de Vigo recibirá 10.309 euros e a de Vilagarcía de Arousa 7.731 para intervencións de mellora da eficiencia enerxética. Por último, o Centro Penitenciario da Lama beneficiarase de 627.627 euros dirixidos á substitución dos actuais proxectores lumínicos de vapor por outros de tecnoloxía LED.

Maica Larriba subliñou que “os proxectos permitirán impulsar a sostibilidaade e o aforro enerxético, o que expresa o compromiso do Goberno de facer da transición enerxética unha oportunidade para as persoas e unha aposta de desenvolvemento xusto para todos os territorios”.