María Rivas subliña a vontade inequívoca do Goberno para afrontar o reto demográfico con medidas como o DNI Móbil que chegou o ano pasado a 42 concellos da provincia

María Rivas subliña a vontade inequívoca do Goberno para afrontar o reto demográfico con medidas como o DNI Móbil que chegou o ano pasado a 42 concellos da provincia

22/02/2022

A subdelegada do Goberno destaca a aposta por dinamizar o rural ao achegar os servizos á cidadanía que non está nas cidades

A subdelegada explica que o DNI Móbil realizou 251 saídas en 2021 con 6.328 persoas beneficiarias

María Rivas supervisa o traballo xunto ao xefe superior de Policía de Galicia e ao alcalde de Carral

O DNI Móbil é un exemplo de colaboración e cooperación entre administracións, neste caso entre os concellos e o Goberno, co crucial respaldo da Policía Nacional

María Rivas anima á cidadanía a que aproveite o servizo e aos concellos a que soliciten a súa presenza


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou hoxe a vontade inequívoca do Executivo que preside Pedro Sánchez para afrontar o reto demográfico con medidas como o DNI Móbil, que chegou o ano pasado a 42 concellos da provincia. Explicouno durante a supervisión do traballo en Carral, acompañada polo xefe superior de Policía de Galicia, José María Esteban, e o alcalde, Javier Gestal.

María Rivas destacou a aposta do Goberno por dinamizar o rural ao achegar os servizos á cidadanía que non está nas cidades. “Este é un dos mellores exemplos de colaboración e cooperación entre institucións. Os concellos e o Goberno poñémonos de acordo, co crucial respaldo da Policía Nacional, para achegar os servizos á cidadanía”, destacou.

O servizo do DNI Móbil responde a un dobre obxectivo: “o do mellor servizo á cidadanía e o de dinamizar o medio rural cun importante compromiso fronte ao reto demográfico”, engadiu. É un proceso que consta de tres fases, cun primeiro paso que deben dar os concellos ao solicitar o servizo.

En primeiro desprázase un equipo móbil e toma os datos das cidadás e os cidadáns. En segundo lugar, a oficina do DNI emite as tarxetas. E en último termo, o servizo volve ao Concello e entrega os DNI. Precisamente esta entrega é o supervisado hoxe en Carral.

“Só o ano pasado, coas dificultades da pandemia, tivemos este servizo en 42 municipios, aos que fomos en 251 ocasións. Foron 6.328 persoas as que renovaron ou fixeron un novo DNI grazas a este servizo”, asegurou María Rivas.

Os concellos beneficiados o ano pasado foron os seguintes, coordinados polas diferentes comisarías:

-          A Coruña: A Laracha, Abegondo, Arteixo, Betanzos, Cabana, Ponteceso, Camariñas, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Curtis, Malpica, Miño, Muxía, Oleiros, Ordes, Sada e Vimianzo.

-          Ferrol: Pontedeume, Cedeira, Ares, Mugardos, As Pontes, Ortigueira, Cariño e San Sadurniño.

-          Santiago: Arzúa, Boqueixón, Cee, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, Padrón, Santa Comba, Tordoia e Zas.

-          Ribeira: Boiro, Porto do Son e Rianxo.

“Moitas veces, ás persoas que viven lonxe das cidades resúltalles complicado acceder a determinados trámites. Moito máis para as persoas maiores, con mobilidade reducida ou que, por calquera factor de traballo ou persoal, necesitan facer xestións e queren facelo preto das súas casas”, dixo a subdelegada do Goberno.

Hoxe queda patente esa colaboración fundamental para dar un servizo que necesita o noso rural. “Por iso queremos animar á cidadanía a que aproveite este servizo. E aos concellos a que soliciten a súa presenza”, rematou.