Maica Larriba subliña o compromiso do Goberno cuns servizos públicos fortes e de calidade como garantes dun Estado do Benestar real

Intervención da subdelegada do Goberno

24/02/2022

A subdelegada do Goberno reivindicou a “histórica” reforma laboral, a suba a 1.000 euros do SMI e a revalorización das pensións como exemplos do avance social e laboral impulsado polo Executivo de Pedro Sánchez.


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou esta mañá no Comité Provincial da FSP-UGT, o primeiro que se celebra tras a elección o pasado ano da nova executiva da FSP da provincia de Pontevedra. Convidada pola organización, Maica Larriba subliñou na súa intervención o compromiso do Goberno de España co “fortalecemento dos servizos públicos como base fundamental para acadar un Estado de Benestar real e unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Ao mesmo tempo, reivindicou o papel dos traballadores públicos “como axentes imprescindibles nestes tempos tan difíciles que estamos a vivir” e desexoulle “toda a sorte” á nova executiva da FSP-UGT Pontevedra “porque o seu traballo será bo para o emprego público da provincia”.

Maica Larriba puxo como exemplo da aposta do Goberno por uns servizos públicos de calidade a compensación a Concellos e Comunidades autónomas pola mensualidade do IVE que deixaron de recibir en 2017 como consecuencia da implantación da Subministración Inmediata de Información (SII) aprobado polo Executivo de Mariano Rajoy.

A subdelegada do Goberno aproveitou para reivindicar a “histórica reforma laboral pactada coa patronal e os sindicatos maioritarios, que servirá para deixar atrás os anos de precaridade da dereita”, así como a subida do salario mínimo aos 1.000 euros neste 2022. “Mentres gobernos anteriores subiron entre 2011 e 2018 o SMI en 94,50 euros, este Goberno subiuno entre 2018 e 2022 en 264,10”, lembrou. A subdelegada do Goberno tamén se referiu á revalorización das pensións “un investimento social que deixará este ano na provincia de Pontevedra máis de 130 millóns de euros a maiores”.