Maica Larriba pide alzar a voz e traballar para implicar a toda a sociedade no loita pola igualdade real entre homes e mulleres

imaxe do acto celebrado esta mañá na Subdelegación do Goberno

08/03/2022

 A subdelegada do Goberno tamén tivo palabras de recordo para o sufrimento do pobo de Ucraína ante a invasión rusa “onde, unha vez máis, as mulleres pagan un dos máis altos prezos da guerra”.


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o acto institucional do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na Subdelegación do Goberno. No acto contouse coa presenza de representantes da administración central, corpos e forzas de seguridade do Estado, ademais de membros do goberno municipal de Pontevedra e de asociacións provinciais. Maica  Larriba introduciu a lectura dun manifesto por parte da directora do Centro Penitenciario da Lama, Teresa Delgado, no que fixo un chamamento a “seguir alzando a voz para conseguir a igualdade real entre homes e mulleres”. “Perduran aínda moitos teitos de cristal por romper e por iso temos que manternos activas para defender esta máxima que implica a toda a sociedade”, engadiu.

Durante a súa intervención, Maica Larriba fixo fincapé na necesidade de que as Administracións continúen “traballando incansablemente cara á consecución dos mesmos dereitos, responsabilidades e oportunidades entre homes e mulleres, de forma que salvemos as distintas fendas de xénero que nos afastan dunha sociedade máis xusta e equilibrada”. Nesta liña incidiu no compromiso do Goberno de España para alcanzar a paridade en todos os niveis da administración pública “como se demostra co crecemento do número de directoras de centros penitenciarios sendo a propia Teresa Delgado a primeira muller en dirixir o centro da Lama e a única en Galicia, cuestión polo que é unha desas mulleres que nos representa a todas”.

A subdelegada do Goberno tamén tivo palabras de recordo para o sufrimento do pobo de Ucraína ante a invasión rusa “onde, unha vez máis, as mulleres pagan un alto prezo por unha guerra que lles obriga a abandonar os seus fogares, o seu país e o seu futuro, arrastrando con elas ás súas fillas e fillos”.

Polo seu lado, o comunicado lido por Teresa Delgado incidiu no impacto que a crise da COVID-19 tivo no aumento das desigualdades, a pobreza e a violencia contra as mulleres e as nenas, amais de retrocesos en materia de saúde, emprego e educación.  A declaración institucioanal tamén alertou de que o cambio climático é un multiplicador das ameazas para as mulleres, malia que as propias mulleres e, especialmente as máis novas, son multiplicadoras de solucións. Finalmente, a declaración institucional citou á ONU para realizar un chamamento sobre a necesidade de facer do Día Internacional da Muller un momento para recordar que só a través do avance da igualdade de xénero se poderá dar cumprimento aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e que cada vez é máis necesario seguir reivindicando esta xornada como un punto de inflexión para continuar corrixindo as desigualdades que persisten.

Mesa sobre a reforma laboral

No marco desta conmemoración, o próximo mércores, 16 de marzo, a Subdelegación do Goberno en pontevedra acollerá unha mesa redonda centrada na nova reforma laboral e a situación de desigualdade das mulleres no eido laboral. As poñentes profundarán en como a desigualdade laboral e retributiva é un factor determinante na violencia de xénero, así como noutros temas relacionados coa feminización dos salarios máis baixos, a precariedade, a inserción laboral, o acoso ás mulleres ou o seu peso nos ERTES.

Na actividade, dirixida a persoal dos servizos sociais, dos CIM, avogados/as, procuradores/as, graduados/as sociais, sindicatos e calquera outra persoa interesada, participarán Jaime Cabeza Pereiro, catedrático de Dereito da Universidade de Vigo; Sandra Cid Conde, graduada social en Relacións Laborais e Técnica en Igualdade; e Ana Pouso Lijó, xefa da Unidade Especializada de Seguridade Social da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra. Así mesmo, a subdelegada anunciou que o próximo martes, 8 de marzo, a Subdelegación acollerá a lectura da declaración institucional do Goberno.